O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias respondeu unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento

A Xunta pide ao Goberno central que lle permita traballar coas súas ferramentas para frear a venda a perdas no lácteo, que o Estado non é quen de atallar

José Balseiros definiu a Lei da cadea alimentaria como “papel mollado” e reclamou ao Ministerio que deixe actuar á Xunta con instrumentos como a aplicación informática Conta Láctea para facer efectiva a prohibición de venda a perdas

Enmarcou o labor do Goberno galego a prol do lácteo na Estratexia de dinamización presentada a finais de 2020, que conta con 105 propostas para o sector, moitas delas xa en marcha dende o primeiro momento

Puxo en valor a inscrición da marca de Pastoreo de Galicia, o Plan de pastos, a negociación coa interprofesional Inlac para mellorar o peso de Galicia nesta organización ou a negociación co Ministerio cara a modificación da normativa estatal que dificulta a creación de organizacións de produtores de leite na nosa comunidade
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, pediu hoxe ao Goberno central que deixe traballar á Xunta na liña de seguir impulsando o sector lácteo galego e mellorando a posición negociadora dos gandeiros sobre os prezos do seu produto.

Balseiros, que respondeu unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento, referiuse á Lei da cadea alimentaria, aprobada recentemente polo Goberno do Estado, e reiterou a demanda de Galicia para que se cumpra de xeito efectivo, xa que “agora mesmo é papel mollado”, advertiu. Así, o director xeral lembrou que esta norma establece no seu articulado a obriga de que cada operador pague ao inmediatamente anterior na cadea un prezo igual ou superior ao seu custo de produción, de maneira que se preserve o valor agregado en cada elo da cadea. E sinalou que a Xunta reclamou en múltiples ocasións ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a necesidade do cumprimento deste artigo.

Custos de produción

En concreto, explicou Balseiros, demandouse que a aplicación informática Conta Láctea e outras ferramentas web oficiais poidan empregarse para acreditar os custos de produción dos gandeiros perante os primeiros compradores. Unha solicitude que, remarcou o director xeral, o MAPA “non atendeu”, malia ser Conta Láctea “unha innovación absoluta en Galicia, que agora están imitando outras comunidades autónomas co noso apoio”, caso de Asturias, Cantabria, Castela e León ou Cataluña.

O director xeral enmarcou o labor do Goberno galego a prol do lácteo na Estratexia de dinamización presentada a finais de 2020 e que contou, para a súa elaboración, coa participación de máis de 40 persoas dos tres elos da cadea de valor, é dicir, a produción, a industria e a distribución. Ademais, o documento incluíu tamén 367 enquisas a gandeiros, como complemento para a súa definición. Como resultado dos traballos, salientou Balseiros, a Estratexia incorpora 105 propostas para o sector, moitas delas xa en marcha dende o primeiro momento, que abordan “aspectos clave” como a diagnose da situación do sector, a remuda xeracional, a promoción de produtos lácteos, a formación ou a interlocución produción-industria-distribución.

Ademais, o director xeral puxo en valor outras actuacións impulsadas pola Xunta a prol do sector leiteiro, como son o rexistro da marca de Pastoreo de Galicia, que -indicou- xa está inscrita e estase tramitando a súa posta en marcha, ou o Plan de pastoreo, que suporá un investimento de 9,4 millóns de euros para actuar en arredor de 2.000 hectáreas. Recalcou tamén a negociación coa interprofesional láctea Inlac para que Galicia teña o peso que lle corresponde nesta organización ou as negociacións co Ministerio para conseguir a modificación da normativa estatal que dificulta a creación de organizacións de produtores de leite na nosa comunidade.

Lei de recuperación da terra

A maiores, Balseiros vinculou estes traballos da Estratexia con outro fito para este ámbito produtivo, como foi a aprobación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, unha norma que, sinalou, incide decisivamente no obxectivo de atallar o minifundismo. Esta característica do agro galego, así como outras variables, como pode ser a orografía, fan que segundo o director “non sexa xusto comparar a produción de leite en Galicia con calquera outra rexión”. Neste mesmo sentido, o director xeral indicou tamén que en Galicia prodúcese o 40% do leite en España, polo que a nosa comunidade “é unha potencia tan grande coma o resto de autonomías xuntas”.

A maiores, na súa intervención Balseiros puxo de relevo o papel senlleiro do lácteo para o rural galego, que se plasma en feitos como que Galicia reúna o 56% das explotacións, o 40% da produción total e o 50% da produción en ecolóxico de toda España. Asemade, incidiu en que a produción de leite de vacún xera uns mil millóns de euros de ingresos brutos anuais no agro galego. Por iso, remarcou Balseiros, “un sector desta importancia precisaba dun plan estratéxico que permitise definir o seu camiño na procura da súa rendibilidade e sustentabilidade”. Un plan que se plasmou na devandita Estratexia de dinamización promovida pola Xunta, e que se está a executar.

Imaxes relacionadas