A Xunta conmemora o Día da Árbore cunha plantación de especies autóctonas con cativos na Escola Unitaria de Lamas, en Moraña

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde de Moraña, José Cela, asistiu a este acto, que consistiu na colocación, en colaboración cos 12 alumnos, dun pradairo e unha faia no patio deste centro educativo público

“É fundamental lembrar constantemente a importancia dos bosques, especialmente aos máis pequenos posto que son o futuro, xa que controlan a erosión do solo, evitan inundacións e reducen a contaminación”, explicou o representante autonómico

Moraña, 25 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, conmemorou hoxe o Día da Árbore, que se celebra cada ano o 21 de marzo, cunha plantación de especies autóctonas con cativos no patio da Escola de Educación Infantil (EEI) de Lamas, no Concello de Moraña.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Moraña, José Cela; do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo; e doutros representantes municipais; asistiu esta mañá a este acto, que consistiu na colocación dun pradairo e unha faia, dúas especies frondosas de gran tamaño, na zona exterior desta escola unitaria.

Este acto simbólico contou coa participación da mestra e das 12 alumnas e alumnos deste centro educativo público emprazado no lugar do Souto.

“É fundamental lembrar constantemente a importancia que teñen os bosques, xa que controlan a erosión do solo, evitan inundacións e reducen a contaminación posto que consumen dióxido de carbono da atmósfera durante o seu crecemento e reducen o efecto invernadoiro, polo que dende a Xunta temos un gran compromiso coa súa preservación, conservación e impulso para coidar a nosa natureza, o noso medio ambiente e os nosos ecosistemas”, explicou o representante autonómico.

Luis López engadiu que actos coma o de hoxe en Moraña teñen unha gran importancia, “xa que máis alá das grandes iniciativas que impulsamos dende a Xunta para potenciar a nosa riqueza forestal, estas pequenas accións simbólicas coas nenas e nenos serven de moito para a súa concienciación e nas súas mans está o futuro de Galicia”.

Imaxes relacionadas