A Xunta e o Parlamento colaboran na edición dun volume que recompila a obra literaria de Ricardo Carvalho Calero

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na presentación do volume ‘Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa’

O acto coincide co 22 cabodano do escritor ferrolán e tamén co aniversario da súa toma posesión como catedrático da Universidade de Santiago de Compostela
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022

Coincidindo co 22 cabodano de Ricardo Carvalho Calero e, asemade, coa súa toma de posesión como catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) hai 50 anos, a Xunta, o Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentaron hoxe en rolda de prensa o volume Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa, da autoría de Pilar García Negro e Manuel Castelao Mexuto.
O volume, editado por Biblios coa colaboración da Xunta de Galicia e do Parlamento galego, recompila a poesía, o teatro e a narrativa completas de Carvalho Calero para poñelas a disposición da cidadanía e pechar así as homenaxes que se veñen sucedendo desde hai dous anos ao escritor ferrolán, figura dunhas Letras Galegas 2020 que se viron embazadas pola situación sanitaria.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Valentín García, explicou que a figura de Carvalho Calero “merece ser moito máis coñecida” e expresou a súa confianza en que esta publicación “contribúa a reparar as eivas da homenaxes durante a pandemia e a divulgar a súa faceta literaria”.
Primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas da USC
Canda Valentín García participaron neste acto de presentación que acolleu o Paraninfo da Universidade compostelá, Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Antonio López Díaz, reitor da USC; Carmela González Boo, editora da obra, e os autores desta, Pilar García Negro e Manuel Castelao Mexuto.

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910) foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor figura das Letras Galegas 2020. Licenciado en Dereito e Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega desta universidade. Membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, foi tamén membro numerario da Real Academia Galega (RAG) e membro de honra da Associaçom Galega da Lingua. Ricardo Carvalho Calero, como firmou as súas obras desde 1981 ata o seu falecemento, foi un dos grandes intelectuais da corrente reintegracionista.
 

Imaxes relacionadas