A Xunta impulsa unha mostra sobre o Camiño Inglés que recolle a visión artística de dúas ilustradoras

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da comisaria do Xacobeo, participaron a inauguración da mostra, que permanecerá aberta na sede de Afundación en Santiago desde hoxe e ata o 29 de abril

“O debuxo é o Camiño. Camiño Inglés” nace como continuidade á iniciativa “Cadernos de Viaxe”, posta en marcha o ano pasado no marco da programación do Xacobeo 21-22.
 

Santiago, 25 de marzo de 2022

A sede de Afundación acolle desde esta mañá e ata o vindeiro 29 de abril a mostra “O debuxo é o Camiño. O Camiño Inglés”, unha exposición que nace do Camiño percorrido pola ilustradora catalana Maru Godás e a irlandesa Róisín Curé, que no verán pasado contaron a súa experiencia no Camiño Inglés a través das súas ilustracións e redes sociais.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da Comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, a comisaria da mostra Gemma Sesar, e coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores Fernández, participaron na inauguración da exposición que xurde con carácter itinerante, co obxectivo de percorrer o Camiño Inglés retratando deste xeito este itinerario a través das 25 ilustracións que compoñen a mostra, montadas en telas de alta calidade e que se mostrará en 22 caixas de luz de dobre cara, o que permitirá resaltar a calidade das imaxes.
Na súa intervención, Nava Castro, puxo en valor esta nova actuación, no marco do programa do Xacobeo21-22, e que se encadra dentro da iniciativa de Cadernos de Viaxe que se celebrou o ano pasado co obxectivo de achegar a diferentes artistas con distintos estilos ao Camiño de Santiago. “Debuxo e Camiño volven darse a man nesta mostra, financiada íntegramente por Turismo de Galicia, e que agora podemos ver tan excelentemente expostas, afondando así na experencia e na mirada que as ilustradoras obtiveron da súa experiencia como peregrinas”, afirmou.
 

Imaxes relacionadas