O centro de saúde de Valle-Inclán resolve o 99% das chamadas perdidas no mesmo día grazas á plataforma tecnolóxica CRM100

Desde a súa posta en marcha, o pasado 1 de decembro, recibiu máis de 6.400 chamadas, cun tempo medio de resposta inferior aos 34 minutos

O Sistema xa está en funcionamento en 50 centros de saúde, co obxectivo de estendelo a toda a Comunidade ao longo deste ano

O xerente do Sergas, José Flores, destaca o compromiso da Xunta coa atención primaria, ao mellorar as infraestruturas, incorporar máis persoal e comprar novo equipamento

Ourense, 25 de marzo de 2022

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, visitou esta mañá o centro de saúde Valle-Inclán, en Ourense, no que está instalada a plataforma tecnolóxica CRM100, o sistema de xestión da relación co paciente. Unha solución innovadora que, no marco do proxecto europeo Código 100, a Consellería de Sanidade puxo en marcha, desde comezos do ano pasado, en 50 centros de saúde de toda Galicia.

Tal e como salientou o xerente do Sergas, este aplicativo incorpora un servizo de atención telefónica personalizada: “Permite resolver o 100% das chamadas perdidas nun mesmo día e cun tempo máximo de resposta de dúas horas”. No caso concreto de Valle-Inclán, desde a entrada en funcionamento, o pasado 1 de decembro, o centro de saúde recibiu, a través do CRM100, máis de 6.400 chamadas –o que supón unha media de 84 chamadas ao día-, cun tempo medio de resposta inferior aos 34 minutos. O 99% dos casos resólvense no día, unha cifra que desprende os bos resultados destes meses de actividade do sistema no centro.

Durante a visita, o xerente do Sergas apuntou que a previsión é despregar esta plataforma tecnolóxica, ao longo deste ano, a toda Galicia.

Un sistema clave na xestión da pandemia

Segundo afondou, este aplicativo permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais sanitarios. “E faino potenciando todas as canles dixitais e as aplicacións TIC que Galicia ten despregadas no ámbito da saúde”, apuntou o xerente do Sergas, quen recordou a posición que ten Galicia de referente internacional en innovación no eido sanitario.

E subliñou o papel clave que o sistema CRM100 está a ter na xestión da pandemia. Así, referiuse a que as funcións automáticas que inclúe esta plataforma permitiron optimizar a monitorización dos pacientes con covid e dos seus contactos estreitos; o envío das enquisas para estudar os síntomas da covid persistente; a citación dos procesos masivos de vacinación; ou o lanzamento de campañas de comunicación masivas para actualizar datos ou dar de alta na plataforma É-Saúde.

Compromiso coa atención primaria

Por outra banda, aproveitou para destacar o esforzo inversor da Xunta de Galicia nesta área sanitaria, en canto a “máis investimentos, máis servizos, máis persoal” e máis e mellores infraestruturas. Neste senso, recordou que, ao abeiro do Plan galego de atención primaria 2019-2021, os centros de saúde da cidade de Ourense incrementaron o seu persoal con 11 profesionais máis nas categorías de médicos de familia, enfermería, fisioterapia e matrona; quedando por cubrir 5 novas prazas para acadar, así, o total de 16 previstas no plan para todo o servizo de atención primaria da cidade de Ourense. Tres destas novas prazas –dúas de enfermería e unha de matrona- cubríronse neste centro de saúde de Valle-Inclán.

Asemade, nos últimos seis anos, o Goberno galego fixo importantes investimentos en obras de reforma, renovación de mobiliario e de dotación de novos equipos electromédicos.

En 2021, a Xunta destinou máis de 154.000 euros a obras de mellora nos centros da Carballeira, A Ponte e o Centro de Especialidades de Ourense.

No que se refire a equipamento, incorporáronse 36 equipos nos centros de saúde da cidade, logo dun investimento de preto de 130.000 euros. En concreto, para o centro de saúde de Valle-Inclán: un novo ecógrafo, 1 novo electrocardiógrafo, 1 novo espirómetro, 1 novo desfibrilador e 2 novos holter.

Imaxes relacionadas