A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda interveu hoxe no encontro da Xunta que reúne no Gaiás a directores xerais do ramo de todo o Estado

Ángeles Vázquez anima a seguir o exemplo de Galicia na aposta polo urbanismo responsable e avanza que o próximo fito será a nova Lei de arquitectura

A responsable galega avoga por establecer sinerxías entre comunidades e compartir experiencias para aproveitar os nexos en común á hora de repensar o territorio

Entre os principais fitos do Goberno galego na materia, subliña un corpus normativo propio, completo e eficaz, que un millón de galegos vivan xa en concellos cun PXOM acorde ao marco legal de referencia ou a creación da Xunta consultiva de urbanismo

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou hoxe aos responsables das políticas urbanísticas e de ordenación do territorio de todo o país a seguir o exemplo de Galicia, que desde hai máis dunha década aposta polo “urbanismo responsable” como unha vía eficaz de preservar o medio físico e poñelo ao servizo dos cidadáns.

Así o indicou durante o Encontro autonómico Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable, unha iniciativa da Xunta que reúne hoxe e mañá en Santiago de Compostela a directores xerais e cargos públicos relacionados coa materia de diferentes puntos de España.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a conselleira subliñou que para seguir avanzando na liña impulsada pola Xunta en materia urbanística, o próximo fito será a aprobación da nova Lei de arquitectura de Galicia, a primeira específica nesta materia e a segunda de carácter autonómico que se tramita no país polo que situará á Comunidade nunha posición de vangarda.

Despois de lembrar que a norma xa superou o trámite de audiencia, avanzou que o obxectivo é que o proxecto de lei sexa aprobado no verán para remitilo este mesmo ano ao Parlamento para a súa tramitación.

Así mesmo, aproveitando a presenza de directores xerais do ramo doutras comunidades, Ángeles Vázquez avogou por establecer sinerxías entre as diferentes rexións e compartir experiencias que xa se desenvolveron con éxito noutros puntos do país para aproveitar toda esa información cunha visión de conxunto.

Así, subliñou que máis alá das características particulares de cada territorio e da grande diversidade que hai en España, existen tamén “nexos en común” e unha lexislación nacional compartida que se pode utilizar á hora de “repensar o territorio e o urbanismo”. “Desde Galicia, como final de camiño, sempre abrimos os brazos para acoller distintas iniciativas e ao final estou segura de que iso vai redundar en beneficio da nosa Comunidade e en beneficio de España”, declarou a conselleira.

Neste sentido, expuxo algúns dos principais fitos do Goberno galego despois de “máis dunha década practicando o urbanismo responsable”.

Así, referiuse á aprobación dun corpus normativo propio, completo e eficaz para dar resposta ás necesidades en materia urbanística e de ordenación do territorio; ao obxectivo de ningún concello sen PXOM, grazas ao cal hoxe un millón de galegos viven en municipios cun planeamento acorde e adaptado ao marco lexislativo de referencia; ou á recente creación da Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo, concibida para simplificar e facilitar o traballo dos profesionais que traballan neste eido.

Representación de nove comunidades

Aínda que a Xunta convidou a todas as comunidades ao encontro, finalmente participaron os directores xerais responsables das áreas de territorio, urbanismo e vivenda de País Vasco, Andalucía, Asturias, Murcia, Valencia, Navarra, Estremadura, Madrid e Castela e León. Así mesmo, en nome do Goberno central tamén interveu esta mañá a subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A inauguración correu a cargo da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, que tras dar a benvida aos asistentes, defendeu a necesidade de “fortalecer a cooperación e a coordinación” neste eido entre administracións a todos os niveis, xa que o urbanismo responsable require “diálogo”.

Tras recoñecer a “preocupación” da Xunta pola crecente “inseguridade xurídica” que xera a anulación xudicial de normas urbanísticas por vicios de forma despois de “anos de tramitación e esforzo colectivo”, Rivas avogou por impulsar, de forma rápida e eficaz, unha reforma da lexislación marco española que evite a nulidade radical dos plan xerais e doutros instrumentos urbanísticos por cuestións de procedemento fáciles de corrixir.

Imaxes relacionadas