A directora xeral de Patrimonio Natural e a delegada territorial en Ferrol reuníronse esta mañá con representantes das asociacións EuroEume e Seitura 22

A Xunta integrará no Plan reitor das Fragas do Eume as actividades ambientais e de voluntariado que promove o tecido asociativo no parque natural

Belén do Campo subliña a necesidade de que o futuro documento de xestión garanta a protección dos valores do parque natural e o seu aproveitamento socioeconómico sostible

Pontedeume (A Coruña), 24 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia continúa coa súa rolda de contactos para avanzar na redacción do futuro Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Fragas do Eume, un obxectivo co que a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, se reuniron esta mañá cunha representación das asociacións EuroEume e Seitura 22.

Durante a xuntanza, celebrada no centro de interpretación de Caaveiro, os responsables de ambas entidades expuxeron as principais actividades que desenvolven dentro deste espazo natural, sobre todo iniciativas de carácter ambiental e de voluntariado para poñer en valor o rico patrimonio natural deste espazo, así como outras de tipo turístico.

Neste sentido, as dúas representantes da Xunta asumiron o compromiso de integrar nos obxectivos e consideracións do futuro PRUX tanto as actividades ambientais que se promoven desde o tecido asociativo, como os diferentes usos públicos e privados que teñen cabida dentro do territorio do Parque Natural. De feito, unha das singularidades deste espazo é que máis do 80% da súa superficie está en mans de particulares.

Ao respecto, os responsables de ambas asociacións avogaron por sensibilizar aos propietarios de terreos no parque sobre o seu coidado e conservación, un obxectivo ao que tenta contribuír tanto EuroEume como Seitura 22 a través da promoción de diferentes iniciativas. Ao respecto, amosaron a súa plena dispoñibilidade a colaborar non só na redacción do PRUX, senón a seguir traballando na difusión do patrimonio ambiental, cultural e etnográfico deste espazo, un aspecto para o que consideraron moi útiles as axudas que cada ano convoca a Consellería para financiar actuacións nos parques naturais.

Pola súa banda, Do Campo e Aneiros coincidiron en subliñar que o documento reitor que se aprobe finalmente deberá poñer o foco principal na protección dos valores que atesouran as Fragas do Eume, sen esquecer a necesidade de garantir o seu aproveitamento sostible tamén desde o punto de vista socioeconómico.

Neste obxectivo, precisamente, enmárcanse reunións como a desta mañá, coas que a Xunta quere implicar aos principais axentes, sectores e entidades vencellados con esta zona no deseño do PRUX, un instrumento que marcará as pautas a seguir para orientar o desenvolvemento económico e medioambiental deste espazo nos vindeiros anos.

Na mesma liña, Belén do Campo incidiu na importancia de traballar nun plan que aposte por un parque “activo e dinámico” e para iso considerou necesario ter en conta antes todas as sensibilidades para poder redactar un documento “acorde” á realidade dun territorio que, máis alá dos seus valores naturais e etnográficos, tamén alberga unha notable actividade económica, forestal e recreativa cun efecto dinamizador para a comarca.

Así mesmo, a directora explicoulles ao representantes de ambas entidades que no documento reitor se concretará unha nova zonificación das case 10.000 hectáreas que ocupa este espazo, especificando en cada unha das franxas os usos permitidos e restrinxidos desde o punto de vista agrogandeiro, forestal ou recreativo, entre outros.

Proceso de diálogo e participación desde outubro

Esta reunión enmárcase na rolda de contactos sobre o PRUX iniciada pola Xunta o pasado mes de outubro, cun primeiro encontro cos alcaldes dos concellos do parque —Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes—. Paralelamente, a Consellería tamén mantén xuntanzas de carácter técnico con outros departamentos autonómicos co fin de recompilar as súas achegas sobre o contido do novo instrumento de xestión.

Belén do Campo insistiu en que este proceso de diálogo e participación é imprescindible para coñecer de primeira man as inquedanzas dos que “viven, traballan ou dependen” das Fragas do Eume, un espazo protexido único e singular, integrado na Rede Natura 2000, cunha superficie de case 10.000 hectáreas e que alberga a mellor representación de bosque atlántico autóctono, ademais de ser o mellor conservado de Europa.

Neste sentido, incidiu en que o obxectivo principal da Xunta é aprobar un instrumento “completo, moderno e consensuado” que guíe durante a próxima década os usos e actividades permitidos dentro do segundo parque natural máis extenso de Galicia.

Para iso, confirmou que nas vindeiras semanas tamén ten previsto citar a representantes do tecido asociativo e veciñal, económico e empresarial que desenvolven a súa actividade nas Fragas do Eume ou na súa área de influencia para garantir que este espazo poida contar en 2022 co seu propio PRUX, un fito transcendental para Galicia, subliñou, xa que é o único parque natural que ten pendente aínda a aprobación deste instrumento.

Imaxes relacionadas