Feijóo destaca un investimento de máis de 14 M€ para fomentar a mobilidade sostible en Pontevedra e nos concellos da súa contorna

Explica que se executarán varias actuacións co obxectivo de levar a cabo a transformación integral da PO-546 e tamén melloras en Santo André de Xeve, nas estradas PO-223 e PO-224

Confirma que en 2022 a Xunta investirá 8,8 M€ para levar a cabo no hospital público de Pontevedra a renovación de dous TAC, a renovación dunha resonancia magnética e unha nova sala de hemodinámica, así como unha nova gammacámara

Anuncia que, no vindeiro trimestre, se licitará a redacción do proxecto construtivo de 76 novas vivendas públicas no barrio de Valdecorvos
 

Pontevedra, 24 de marzo de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe un investimento de máis de 14 millóns de euros para fomentar a mobilidade sostible en Pontevedra e nos concellos da súa contorna.

Segundo avanzou Feijóo, no eixo Pontevedra-Marín, executaranse varias actuacións co obxectivo de levar a cabo a transformación integral da PO-546. Así, cun orzamento de 6 millóns de euros, mellorarase o treito Mollabao-Praceres -cun deseño orientado a peóns, ciclistas e transporte público-; e levarase a cabo a reurbanización do treito de Estribela, ademais de varias actuacións que chegarán ata o límite co concello de Marín e no treito da estrada denominado Concepción Arenal.

Así mesmo, cunha achega de 2,2M€, realizaranse melloras en Santo André de Xeve, nas estradas PO-223 e PO-224; e investiranse 1,4 millóns nunha senda na PO-542, para que os veciños dos núcleos de Ermida, Pazos e Marcón poidan acceder ao casco urbano.

O segundo proxecto -1,8M€- estará formado por catro aparcadoiros que contarán con 410 prazas: 250 prazas na contorna da antiga estrada vella Marín-Pontevedra; e tres aparcadoiros nos accesos ás vías de altas prestacións de Marín, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, con 160 prazas en total. E, a terceira iniciativa -2,9M€- consistirá na mellora de 98 paradas de autobús nas liñas de transporte público interurbano.

Dous aceleradores lineais de altas prestacións para o Gran Montecelo

Durante a rolda de prensa do Consello, o titular da Xunta confirmou que, neste 2022, a Xunta investirá 8,8 millóns de euros para levar a cabo no hospital público de Pontevedra a renovación de dous TAC, a renovación dunha resonancia magnética e unha nova sala de hemodinámica, así como unha nova gammacámara. Ademais, avanzou a adquisición de dous novos aceleradores lineais de altas prestacións.

Na xuntanza, avaliouse tamén a situación das obras do Gran Montecelo, cuxa primeira fase conta cun investimento de máis de 130 millóns de euros, co obxectivo de blindar a sanidade pública de 26 concellos da área, durante os vindeiros 50 anos.

Outras obras e actuacións

Ademais do hospital, Feijóo destacou outra das obras de maior relevancia que se está a acometer na cidade: a futura residencia de maiores que financiará, construirá e equipará a Fundación Amancio Ortega cun investimento de máis de 12 millóns de euros, e que contará con 120 prazas.

O presidente da Xunta resaltou que, unha vez arranquen as obras en poucas semanas, nun prazo de 18 meses Pontevedra contará cunhas instalacións de vangarda, na que traballarán máis de 100 persoas.

En materia de vivenda, o responsable do Goberno galego anunciou que, no vindeiro trimestre licitarase a redacción do proxecto construtivo de 76 novas vivendas públicas no barrio de Valdecorvos, unha iniciativa na que se investirán máis de 10,4 millóns de euros.

Así mesmo, outra das iniciativas para esta zona de Pontevedra é a próxima convocatoria do concurso de venda de solo residencial da Xunta, no que se ofertarán dúas parcelas nas que se prevé a construción de 104 vivendas de protección autonómica (VPA).

Cómpre salientar que os proxectos da Xunta están a permitir o aumento do parque de inmobles de Pontevedra, cun total de novas 450 vivendas protexidas entre as construídas, rehabilitadas e proxectadas.

En relación ao turismo, Feijóo destacou a posta en marcha do Plan Xacobeo Next Generation que, dotado con máis de 39 millóns de euros, impulsará a actividade turística ao redor do Camiño, en toda Galicia.

Deste orzamento, máis de 15 millóns -cae o 40% dos fondos-, destinaranse a actuacións en Pontevedra. Así, arredor de 4,5 millóns corresponden a melloras en 7 BIC da provincia: na illa de Ons, na Ribeira do Lérez desde As Xunqueiras ata As Aceñas, no arquipélago de Sálvora, na Casa Museo Valle-Inclán de Vilanova de Arousa, no cárcere vello de Tui, nas Torres de Oeste de Catoira e no Castelo de Santa Cruz da Guarda.

A provincia beneficiarase tamén de 2,6 millóns de euros dirixidos á promoción da Ruta Xacobea Mar de Arousa e Río Ulla.

Ao longo da rolda de prensa, Feijóo destacou tamén a aprobación dun convenio de colaboración co Concello de Marín, para impulsar estratexias de promoción turística no novo centro sociocultural da vila, por un importe de 500.000 euros. Así como a autorización para que a planta oitava da antiga sede da Xunta en Pontevedra, do edificio de Benito Corbal, pase a disposición da Fundación Manuel Moldes para converterse en varias salas de exposicións e dedicar un espazo o almacenaxe das obras deste artista galego.

O presidente da Xunta concluíu recordando que en relación ás ordes de axuda destinadas a apoiar aos concellos, a Xunta concedeu o ano pasado máis de 2,3 millóns para os municipios que se amparan baixo a Delegación de Pontevedra.

Estas partidas foron destinadas para a mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais; para executar 20 proxectos ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental; e para a renovación das flotas de vehículos da policía local.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta