A directora do organismo interveu esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

Augas de Galicia prevé emitir en abril a resolución da concesión para a nova captación no río Vilacoba, no concello de Noia

Teresa Gutiérrez explica que, en canto o Concello solicitou a modificación da concesión, a Xunta iniciou a tramitación, que incluíu un proceso de información pública, a inspección da zona e a elaboración do informe técnico

Detalla que a Xunta remitiu o condicionado da concesión ao Concello, cuxa aceptación debe notificar para que, a continuación, Augas de Galicia elabore a proposta de resolución

Lembra que este expediente está dentro do prazo establecido na Lei de Augas para resolver as concesións do dominio público hidráulico, que é de 18 meses
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, avanzou na Comisión 2ª do Parlamento que a Xunta prevé emitir en abril a resolución da concesión para dispor dunha nova captación de auga no río Vilacoba, no concello de Noia.

Teresa Gutiérrez explicou que o Concello de Noia ten outorgada unha concesión de auga dun caudal de 22 l/s do río San Xusto no lugar de Boña-Sampaio, por Orde Ministerial do 4 de marzo de 1960.

Non obstante, a Administración local solicitou á Xunta a modificación desta concesión, que inclúe unha nova captación no río Vilacoba, no lugar de Alvariza, na parroquia de Barro.

Indicou que tras esta solicitude municipal, Augas de Galicia impulsou o procedemento conforme ao disposto na normativa, tratando de darlle a maior celeridade posible.

Así, unha vez realizado o trámite de información pública, os técnicos autonómicos procederon ao recoñecemento sobre o terreo previsto no artigo 111 do Regulamento do dominio público hidráulico.

Sinalou que a partir desta visita, a Xunta continuou con outros procedementos como a emisión do condicionado da concesión, remitido ao Concello para a súa aceptación. Neste sentido, precisou que unha vez que o municipio confirme esta aceptación, a Xunta elaborará a proposta de resolución.

Lembrou que segundo o establecido na Lei de Augas, o prazo para resolver e notificar os expedientes relativos ás concesións do dominio público hidráulico é de 18 meses, polo que a citada tramitación se atopa dentro do período fixado para estes casos.
 

Imaxes relacionadas