A Xunta presenta os resultados dos 25 anos do programa galego de prevención e control da tuberculose

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, clausurou esta mañá, de xeito telemático, o acto de presentación dos resultados dos 25 anos do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose que, con motivo do día mundial desta enfermidade, tivo lugar na Consellería de Sanidade. Os datos amosan que, dende a posta en marcha do Programa no ano 1996, a incidencia da enfermidade descendeu de forma progresiva e constante, cunha reducción dun 80% no número de casos novos.
O acto foi inaugurado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e contou, entre outros relatores, coa presenza de Juan Gestal Otero, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, e de Pilar Farjas Abadía, especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública.