A Xunta colabora coa Moexmu, que tras dous anos recupera a feira e o concurso de gando frisón de referencia en Galicia

Lugo, 24 de marzo de 2022

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da trixésimo oitava Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), que se celebrará os días 1, 2 e 3 de abril no recinto Manuel Vila López desta localidade de Cospeito. No acto participaron o delegado territorial, Javier Arias; o alcalde de Cospeito, Armando Castosa; Pepe Darriba e José Manuel Rus, presidente e coordinador da comisión organizadora do certame, respectivamente.

Arias destacou o apoio da Xunta á feira, coa que colabora economicamente e entregando trofeos para os concursos. Neste sentido, celebrou que poida recuperarse o concurso de gando frisón, que é unha das citas máis importantes da Moexmu e que este ano pasará a ser un referente en Galicia, xa que terá lugar o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022 en colaboración coa Federación Frisona Galega; participarán un total de 208 animais de 28 explotacións das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Logo de dous anos de suspensión por mor das condicións sanitarias, a Moexmu volta con expositores centrados na gandaría, agricultura, maquinaria agrícola e artesanía, e con diversas actividades entre as que destaca, como novidade, unha demostración de pelado e preparado do gando a concurso.
 

Imaxes relacionadas