A Xunta salienta a aposta de Galicia por un emprendemento innovador capaz de “achegar un produto novidoso sobre a base do talento, a dixitalización e a formación”

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa na entrega dos Premios Emprendedor XXI impulsados por Caixabank e Enisa, no que resulta gañadora a empresa Innogando, creadora dun sistema de monitorización e xestión de gando no exterior

Salienta que os galardóns perseguen, ao igual que o Goberno galego, identificar, recoñecer e acompañar ás novas empresas con gran potencial de crecemento

Pon en valor iniciativas como a rede de aceleradoras galega, que inclúe as business factories especializadas e os os espazos coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais

Destaca os programas de axudas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 500 proxectos impulsados
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe, no acto de entrega dos Premios Emprendedor XXI, a aposta de Galicia por un emprendemento innovador capaz de “achegar un produto novidoso sobre a base do talento, a dixitalización e a formación”, salientando que estes elementos son parte do ADN das empresas finalistas do certame, poñendo en valor tanto a súa capacidade para “adaptarse á realidade actual e ser competitivas nun mercado cada vez máis global”, como para “comprender o que o público demanda e o que hai que facer para diferenciarse”.

Neste sentido, o director do Igape destacou que os galardóns que hoxe se entregaron, impulsados por Caixabank e a Empresa Nacional de Innovación (Enisa), comparten o mesmo obxectivo no que traballa a Xunta: identificar, recoñecer e acompañar ás novas empresas con gran potencial de crecemento. Guldrís apuntou que os retos que supón emprender no século XXI están vinculados á innovación e a tecnoloxía, bases nos que se fundamenta o traballo que está a levar a cabo a Xunta de Galicia.

Así, o director do Igape puxo en valor iniciativas como a rede galega de aceleradoras, que inclúe as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), ou aeronáutica (BFAero); os espazos coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 500 proxectos impulsados. “Estamos a falar, en definitiva, dun amplo ecosistema onde poidan ver a luz novas empresas como as que hoxe participan nestes premios”, apuntou Guldrís.

Os premiados

O gañador desta edición dos Premios Emprendedor XXI foi a empresa Innogando (Abadín), creadora dun sistema de monitorización e xestión de gando no exterior. As outras finalistas foron Enercraft (Cambados e Sanxenxo), especializada na venta de baterías portátiles para aeronaves; H2 Dron Energy (As Pontes), que comercializa sistemas de propulsión para drons mediante hidróxeno fronte ao litio, mellorando a autonomía destas naves; Uarx Space (Nigrán), enxeñería aeroespacial que logrou crear o primeiro dispensador de nanosatélites 100% español; e Ghop, impulsora das primeiras tendas intelixentes do noso país abertas 24 horas ao día todos os días do ano.
 

Imaxes relacionadas