A Xunta traballa na implantación dun plan para previr o sobrepeso e a obesidade da cidadanía galega

O Plan de Obesidade Zero, vai ser avaliado por persoas expertas na materia e polos organismos implicados na súa execución

Os días 25 e o 28 deste mes, Sanidade celebrará unhas mesas enfocadas á avaliación do plan coa participación das administracións, empresas implicadas, sociedades científicas e asociacións de pacientes
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade vén de elaborar un borrador dun plan para previr o sobrepeso e a obesidade dos galegos e galegas, Plan Obesidade Zero, tendo en conta a evidencia científica dispoñible, as intervencións que amosaron a súa eficacia, as recomendacións dos organismos científicos nacionais e internacionais, e a realidade da sociedade galega.

Proceso participativo e enquisa á cidadanía

Unha vez que xa está elaborado o borrador, o departamento sanitario galego vai proceder a realizar un proceso de avaliación por persoas expertas na materia e polas entidades e departamentos implicados na execución do plan. A tal efecto, deseñouse un proceso participativo estruturado en catro mesas: a mesa política, a comunitaria, a de innovación e a científica. Estas mesas celebraranse os días 25 e 28 de marzo, e nelas participarán as diferentes administracións, autonómica, local e nacional; os clúster das empresas implicadas na prevención; as asociacións de pacientes, as ANPAs e as sociedades científcas. En total, enviouse invitación a numerosas entidades, ademais de a todos os concellos a través da FEGAMP.
Xunto ao anterior, e para coñecer a opinión da cidadanía, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade enviou unha enquisa a través das redes sociais de Xanela aberta á familia. Tamén, foi enviada, coa colaboración da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, a través de Abalar. Nesta enquisa, pregúntase pola pertinencia de desenvolver o plan e os ámbitos prioritarios de actuación.
En Galicia aproximadamente ao redor de 850.000 persoas adultas teñen sobrepeso, o que supón o 39,2% da poboación, e aproximadamente 357.000 galegos e galegas presentan obesidade.
Cómpre remarcar que o sobrepeso e a obesidade son importantes factores de risco na aparición de enfermidades crónicas que impactan de xeito moi negativo na saúde do individuo no seu día a día.