A Xunta colabora nunha solta de troitas no río Mera para conservar a riqueza piscícola e a biodiversidade deste curso fluvial

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou esta mañá nesta actividade, organizada pola Federación de veciños Lucus Augusti na área recreativa Félix Arija

Lugo, 24 de marzo de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na solta de exemplares de troitas no río Mera organizada pola Federación de Veciños Lucus Augusti coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Tamén asistiron o presidente do colectivo, Jesús Vázquez, e outros representantes veciñais.

A solta tivo lugar na área recreativa Félix Arija, na parroquia lucense do Veral, co obxectivo de axudar a recuperar a riqueza piscícola e favorecer a biodiversidade do río. Con este fin, o departamento autonómico realiza todos os anos varias soltas en distintos ríos da provincia antes do verán, especialmente entre abril e maio.

A Xunta persegue a recuperación das poboacións de troita común autóctona e de salmón nos ríos da provincia, empregando a técnica das repoboacións nalgúns casos para complementar o proceso natural de conservación das especies.

Imaxes relacionadas