A Xunta abre o prazo de suxestións para definir a normativa e características do 'cohousing' sénior

As persoas interesadas en realizar achegas sobre os proxectos de aloxamentos compartidos destinados ás persoas maiores terán de prazo ata o 18 de abril para presentalas por vía electrónica

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia abre o prazo para a presentación de suxestións de cara á elaboración da normativa que defina o concepto e as características que deben cumprir os proxectos de cohousing sénior. As persoas interesadas en realizar achegas poderán facelas chegar á Administración autonómica a través do formulario habilitado na súa páxina web ata o 18 de abril.

O anuncio desta convocatoria, que xa está dispoñible no Portal de Transparencia da Xunta xunto co borrador da normativa, expón que, na actualidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia “están a xurdir diferentes iniciativas aos actuais modelos de recursos residenciais sociais, concretamente os proxectos de aloxamentos compartidos destinados ás persoas maiores que requiran de servizos de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia”.

A necesidade de regular esta nova tipoloxía esixe a modificación da Orde do 18 de abril de 1996, que establece as condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, para “incorporar este novo recurso residencial para a prestación dos servizos de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia dos que se doten estes aloxamentos compartidos”. Trátase, engade o documento, dun “recurso de atención a persoas maiores que apostan por unha convivencia en común cos coidados e apoios necesarios e cando as situacións de dependencia sobrevida así o requiran”.

Novo modelo de coidados

Estes pequenos núcleos de convivencia integraranse no seo do novo modelo de coidados e garantirán a autonomía de vida das persoas, que seguirán vivindo dentro da súa contorna, pero con seguridade, benestar e seguimento profesional. O cohousing sénior é unha das medidas nas que está a traballar o Goberno galego co principal obxectivo de achegar servizos adaptados ás preferencias e necesidades de cada persoa maior. A esta iniciativa innovadora súmanse outras de grande importancia na atención e coidados na contorna como o Servizo de Axuda no Fogar, as casas do maior ou o autobús de coidados porta a porta, que volverá a poñerse en marcha.

Imaxes relacionadas