A Policía Autonómica en colaboración coa UIFO esclarece un incendio no concello coruñés de Mazaricos

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas a 11 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

Axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) esclareceron un incendio forestal no concello de Mazaricos.

Os axentes do Grupo de Investigación de Incendios esclareceron un incendio que aconteceu o pasado 19 de marzo no lugar de Paxareiras do concello de Mazaricos, no que se calcinaron 1,49 hectáreas. de monte arborado. A investigación do lume realizouse de forma coordinada e conxunta entre os axentes da Policía Autonómica e a UIFO, o cal fixo a inspección técnica.

O lume iniciouse nunha queima nunha das fincas afectadas, procedendo a Policía Autonómica á localización e toma de declaración dunha muller responsable da queima de restos forestais, quen manifestou que o lume se lle descontrolou, provocando que as lapas se propagasen polo monte.

As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Muros. No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas a 11 persoas como presuntas autoras de incendios forestais