Fernández-Tapias entrega as chaves de San Francisco 15 a dous novos veciños do Casco Vello vigués

Trátase dunha das nove vivendas, procedentes das intervencións do organismo rehabilitador, que se adxudicaron o pasado ano neste ámbito

A presidenta do CCVV e delegada da Xunta en Vigo puxo en valor a importancia de promover vivendas de promoción pública na cidade coa maior demanda

Insiste en reclamarlle ao Concello que active os mecanismos expropiatorios necesarios para poder intervir en varias edificacións e facilitar a adquisición de solo
 

Vigo, 24 de marzo de 2022

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, vén de entregar as chaves dunha vivenda na rúa San Francisco 15 a un matrimonio que se incorpora a veciñanza do barrio histórico vigués. Un contexto no que aproveitou para pór en valor o importante esforzo inversor que está a facer o Executivo autonómico na cidade en materia de vivenda de promoción pública.

Trátase dunha das nove vivendas, procedentes das intervencións do organismo rehabilitador, que foron adxudicadas o pasado ano 2021. O edificio de San Francisco 15 foi adquirido polo Consorcio Casco Vello de Vigo en setembro de 2018 e tras un investimento próximo aos 340.000 euros supuxo a posta no mercado de dúas novas vivendas na parte baixa do barrio histórico.

Esta nova edificación, localizada na parte traseira da fachada marítima, conta con duas vivendas tipo dúplex. A que ocupa o primeiro e segundo andar ten unha superficie útil de 110,54 m2, mentres que a das plantas superiores alcanza os 119,65. Ambas contan con tres dormitorios, un baño, un aseo e un salón-comedor-cociña.

Neste sentido, Fernández-Tapias destacou a intensa labor de rehabilitación desenvolvida polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución. “Seguimos apostando por cumprir cos obxectivos marcados xa que, aínda que se avanzou moito na reconstrución do casco vello, queda moito por facer”, dixo, en clara referencia ao ambicioso plan de actuación dos vindeiros catro anos que contempla a compra de 25 novas edificacións.

Así, recordou que desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA).