O presidente do Goberno galego asistiu esta tarde á Asemblea de Ceaga 2022

Feijóo pide velar pola fortaleza da automoción galega con baixadas de impostos nos hidrocarburos e con medidas para actuar ante o desabastecemento industrial

Demanda diálogo para que se desenquiste canto antes o paro do transporte e a axilización dos fondos de recuperación Next Generation

Lamenta que o Goberno eliminase da nova planificación de Red Eléctrica Española ata o ano 2026, aprobada onte, a construción dunha subestación eléctrica en Balaídos, que blindaría a competitividade da planta de Stellantis, abarataría os seus custos e melloraría o servizo para o conxunto da industria de Vigo

Vigo, 23 de marzo de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe velar pola fortaleza da automoción galega con baixadas de impostos nos hidrocarburos e con medidas para actuar ante o desabastecemento industrial.

Durante a celebración da Asemblea de Ceaga 2022, Feijóo resaltou a súa comparecencia onte, no Parlamento de Galicia, para dar conta das novas medidas do Plan de Choque da Xunta co obxectivo de aliviar as cargas ás familias e ás empresas, e para trasladar ao Goberno central un decálogo de propostas urxentes con fin de conter unha situación “que non admite -dixo- nin máis esperas nin máis pretextos”.

Sobre este punto, o titular da Administración autonómica destacou a necesidade dunha baixada de impostos con carácter inmediato: que se estenda a final de ano a suspensión do imposto sobre xeración do 7 % e a redución do imposto especial eléctrico ao mínimo do 0,5 %; que se eleve á Unión Europea unha consulta para reducir de forma análoga os hidrocarburos; e que se reduza o Imposto especial aos hidrocarburos aos tipos mínimos.

Así mesmo, demandou diálogo para que se desenquiste canto antes o paro do transporte; un fondo extraordinario de liquidez para as empresas que viron diminuída a súa tesourería; e a axilización dos fondos de recuperación Next Generation, “que se converten nunha oportunidade que vai gañando en magnitude a medida que a economía se deteriora”, recalcou.

Ao respecto, lembrou que Galicia fixo os seus deberes coa presentación do proxecto AutoÁncora e coa posta en marcha dunha oficina técnica creada pola Xunta e Ceaga, para dar soporte e desenvolver de forma precisa as actuacións incluídas nel.

Feijóo concluíu lamentando que o Goberno central eliminase da nova planificación de Red Eléctrica Española ata o ano 2026, aprobada onte no Consello de Ministros, a construción dunha subestación eléctrica en Balaídos, como vén demandando a Xunta desde hai anos, co fin de blindar a competitividade da planta da multinacional Stellantis, abaratar os seus custos e mellorar o servizo para o conxunto da industria de Vigo.

Imaxes relacionadas