A Xunta explica aos MIR de último ano de medicina familiar e comunitaria os detalles do novo contrato de facultativo especialista en atención primaria

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias; e a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez; xunto cos xerentes e os directores de Recursos Humanos das sete áreas sanitarias galegas, explicaron ao persoal residente (MIR) que está no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, os detalles do contrato da nova categoría de facultativo especialista en atención primaria, creada polo Executivo galego.

Os profesionais que accedan a esta nova categoría desempeñarán as súas funcións nos centros de saúde e atenderán as urxencias nos Puntos de Atención Continuada (PAC).

Cómpre sinalar que a Xunta vai convocar unha Oferta Pública de Emprego con 106 prazas de médico especialista para o ámbito da atención primaria, co obxectivo de paliar o déficit de facultativos existente neste nivel asistencial.

O proceso de selección desta Oferta Pública de Emprego para a nova categoría de persoal Facultativo Especialista en atención primaria levarase a cabo a través do sistema de concurso de méritos, de acordo ao carácter extraordinario da situación sanitaria actual. Así, Galicia será a primeira comunidade autónoma en adoptar este sistema selectivo para captar facultativos para este nivel asistencial.

Na reunión tamén estiveron presentes os representantes das organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Sanidade, e os membros dos equipos directivos das áreas sanitarias do Sergas.

Imaxes relacionadas