A Aula Gastronómica Galicia Calidade chega ao CIFP Compostela cunha master class do chef Yayo Daporta

Unha vintena de estudantes do centro asistiron á demostración culinaria do cociñeiro e Estrela Michelín, que elaborou un menú de inspiración mariñeira

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, destacou a importancia de establecer unha “enriquecedora colaboración” entre a marca dependente da Xunta e a futura xeración de profesionais da gastronomía galega

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

A Aula Gastrónomica Galicia Calidade continúa o seu percorrido polos centros de hostalaría da comunidade e así, hoxe visitou o CIFP Compostela da man do chef Yayo Daporta. O cociñeiro, que conta cunha Estrela Michelín, realizou unha master class para unha vintena de estudantes do centro educativo compostelán.

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, foi a encargada de introducir a acción, que con esta completa a súa terceira cita. Méndez destacou a importancia de dar a coñecer os produtos da marca, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, á futura xeración da hostalería da comunidade galega, de xeito que se estableza xa desde as primeiras etapas da súa experiencia laboral unha “enriquecedora colaboración”.

Coa Aula Gastronómica Galicia Calidade, facilítase ao alumnado “acceder a produtos de primeiro nivel e facelo da man das receitas dun referente da nosa gastronomía como é Yayo Daporta”. Unha experiencia clave, enfatizou, para a futura practica profesional dos e das estudantes. Alumnos e alumnas poderán participar ademais no sorteo dunha cea ou comida no restaurante da súa elección, de entre os que están implicados na Aula Gastronómica Galicia Calidade, sinalou Méndez.

Como en anteriores ocasións, a Fundación Artesanía de Galicia colaborou coa vaixela e utensilios precisos. A acción enmárcase na súa iniciativa Artesanía no Prato, coa que une artesanía, gastronomía e deseño.

Menú Galicia Calidade

O menú que Yayo Daporta amosou á vintena de estudantes do CIFP Compostela ten unha clara inspiración mariñeira. Así, presentou navallas ao natural e canelón de tartar de navalla; xarda mariñada e asada con migas de pan de millo; fabas de Lourenzá estufadas con cocochas de pescada ao pilpil; e mousse de queixo de Arzúa-Ulloa e marmelada de pementos de Padrón.

Nesta terceira cita da Aula Gastronómica participaron varias marcas que contan co selo de garantía: Cabo de Peñas, Terras da Mariña, Puerto de Celeiro, Pazo de Anzuxao e A Pementeira.

Traxectoria profesional

Yayo Daporta formouse como profesional na Escola de Hostalería de Santiago de Compostela e nas cociñas de establecementos como Casa Solla ou o restaurante Alejandro, de Almería. Forma parte do Grupo Nove, referente da gastronomía en Galicia.

Daporta é chef e propietario do restaurante cambadés que leva o seu nome e que abriu as portas en 2005. Desde entón, Daporta acadou algúns dos distintivos máis relevantes da gastronomía en España, entre eles unha Estrela Michelín, que mantén desde 2008, e dous Soles Repsol, ademais do recoñecemento de Galicia Calidade.

A derradeira cita do mes de marzo da Aula Gastronómica Galicia Calidade será o día 29 de marzo no CIFP Manuel Antonio de Vigo con Héctor López, do Restaurante España. A iniciativa visitará o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra o 6 de abril.
 

Imaxes relacionadas