O Sergas confirma a tendencia descendente da tuberculose en Galicia

A incidencia pasou dos 14,5 casos novos por 100.000 habitantes de 2020, aos 13,1 casos que mostran os datos provisionais de 2021

A Xunta celebra mañá os 25 anos da posta en marcha do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, coincidindo co Día Mundial desta enfermidade

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia conmemora mañá, xoves 24 de marzo, o Día Mundial da Tuberculose, celebrando os 25 anos do Programa galego de prevención e control da tuberculose. Posto en marcha pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade a finais de 1994, está implantado en toda Galicia dende o ano 1996. A pandemia da covid-19 postergou a celebración deste 25 aniversario ata agora.
Sanidade únese ao lema deste ano, “Investir para poñer fin á tuberculose. Salva vidas”, reiterando o seu compromiso de continuar cos esforzos e actuar en consonancia coa estratexia “Fin á tuberculose”, da Organización Mundial da Saúde, que ten por obxectivo reducir a incidencia da tuberculose un 80 % no ano 2030 con respecto ao 2015 para posteriormente eliminar esta enfermidade no 2050.
Precisamente, un dos obxectivos do Programa de tuberculose de Galicia era o de reducir a incidencia desta enfermidade nun 25 % para o ano 2020 en comparación cos niveis do 2015, obxectivo que se cumpriu amplamente. Así mesmo, alcanzáronse uns resultados moi satisfactorios dos tratamentos das tuberculoses pulmonares confirmadas (97,4 %) e da tuberculose multirresistente (89,0 %), moi superiores aos obxectivos marcados pola Organización Mundial da Saúde (do 85 % e 75 % respectivamente).
Dende a posta en marcha do Programa galego obsérvase unha tendencia descendente e progresiva da tuberculose na nosa comunidade, pasando dunha incidencia de 71,8 casos novos por 100.000 habitantes no ano 1996 a 14,5 no 2020, sendo a diminución por término medio anual do 6,4% (diagnosticáronse 1.963 casos novos no 1996 e 393 no 2020, o que supón un descenso do 80,0 %). Os datos provisionais do ano 2021 reflicten que se mantén esta tendencia decrecente, cunha incidencia de 13,1 casos novos por 100.000 habitantes.
A incidencia da tuberculose bacilífera, a máis contaxiosa, descendeu, no mesmo período, de 27,9 a 3,9 casos por 100.000 habitantes, cun descenso relativo anual do 7,9%.Trátase dunha diminución moi notable posto, que implica a eliminación das fontes de infección na comunidade. No referente á incidencia en nenos menores de 5 anos, diminuíu de 58,9 a 3,3 casos por 100.000 habitantes cun descenso dun 11,3 % anual.
Os bos resultados acadados constatan un programa ben estruturado, cun sistema epidemiolóxico de vixilancia específico para a tuberculose e o traballo, esforzo e coordinación dos profesionais da sanidade galega, en especial dos equipos das sete unidades de tuberculose (UTB) de Galicia, unha en cada área sanitaria; dos microbiólogos e do Laboratorio de referencia de micobacterias de Galicia, o que permitiu continuar coa vixilancia desta enfermidade, a pesar da pandemia da covid, e avaliar anualmente na Dirección Xeral de Saúde Pública a evolución desta enfermidade na nosa comunidade.
A tuberculose é un problema de saúde pública (non só un problema individual), dado que se trata dunha enfermidade contaxiosa por vía aérea e un enfermo sen tratar implica risco de transmisión da tuberculose ao resto da comunidade. O desenvolvemento do Programa galego permite realizar o diagnóstico o máis rápido posible e poñer a todos os enfermos baixo tratamento para reducir este risco. Ao mesmo tempo, establécese o estudo a todas as persoas que estiveron en contacto cun caso de tuberculose contaxiosa e ofrece tratamento a aqueles que están infectados, evitando que desenvolvan a enfermidade nun futuro.

Outros datos destacados da tuberculose no ano 2020

O 55,6 % dos casos recibiron un tratamento directamente supervisado. Constatouse a curación do 96,4 % dos casos que iniciaron tratamento no ano 2019, ascendendo ao 97,5 % nos casos bacilíferos.
O 62,6 % dos casos presentáronse en homes. E por grupo de idade, a incidencia máis alta foi nos maiores de 74 anos. O 7,4 % foron nenos (menores de 15 anos). O principal factor de risco asociado foi o tabaquismo (23,9 % dos casos).
O 89,2 % de todas as cepas resultaron sensibles aos fármacos de 1.ª liña e o 1,3 % (3 casos) eran multirresistentes.
Aínda que os indicadores do funcionamento do Programa galego de tuberculose son favorables, o departamento que dirixe Julio García Comesaña recorda que non se pode baixar a garda, polo que se debe manter a tuberculose como liña clave en Saúde Pública e potenciar as unidades de prevención e control desta enfermidade (UTB), reforzándoas no seu papel de unidades de referencia para o diagnóstico, seguimento e tratamento de todos os enfermos e infectados.