O servizo madrileño de saúde, interesado en aplicar o modelo de plataforma loxística do Sergas na súa comunidade

Negreira (A Coruña), 23 de marzo de 2022

Representantes do Servizo Galego de Saúde, coa directora xeral de Recursos Económicos María Jesús Piñeiro, e da Xerencia de Atención Primaria da Comunidade de Madrid, visitaron esta mañá a Plataforma Loxística do Sergas, emprazada no concello de Negreira. A visita foi solicitada polo departamento sanitario madrileño, que está a traballar nun proxecto de plataforma loxística rexional, para coñecer de primeira man o modelo galego, ao que cualificaron de moi avanzado e con excelentes referencias dos seus provedores

Dende o ano 2013, a plataforma funciona como almacén único do Sergas de produtos sanitarios e non sanitarios, onde se fan as operacións loxísticas de recepción dos artigos das empresas provedoras e se preparan os pedidos de material. Ten 178 traballadores e contou cun investimento de 14,3 millóns de euros para a súa posta en marcha e a incorporación de melloras ao longo destes anos. O servizo loxístico está dispoñible os 365 días do ano, as 24 horas. Ademais, a plataforma goza dun alto nivel de produtividade, grazas a unha conxunción de factores. Entre eles, un deseño adaptado ás necesidades loxísticas, unha intensa automatización dos procesos, un uso masivo de tecnoloxías da información e un persoal especializado.

Imaxes relacionadas