A Xunta aposta polo reforzo da cooperación transfronteiriza de proximidade no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron esta mañá na reunión da Asemblea da AECT da Euorrexión Galicia-Norte de Portugal na que se aprobou o plan de actividades e o orzamento para este ano

Vigo, 23 de marzo de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron esta mañá na reunión da Asemblea e o Consello Superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, na que se aprobou o plan de actividades e o orzamento para este ano, ademais de acordar a elaboración de proxectos de cooperación transfronteiriza acordes coas novas orientacións do novo programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP) para o período 2021-2027.

No encontro, a Xunta incidiu na necesidade de intensificar a cooperación transfronteiriza de proximidade no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ademais, acordouse apoiar a cooperación empresarial apostando por protocolos de cooperación con asociacións empresariais da Eurorrexión con clústeres do téxtil, da explotación forestal, do automóbil e do turismo, así como a especialización eurorrexional en novas áreas como a aeroespacial.

Na reunión tamén participaron o vicepresidente da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-Norte), Beraldino Pinto; ademais da vicepresidenta e a responsable de Desenvolvemento Rexional deste organismo, Célia Ramos e Raquel Meira respectivamente. Tamén estiveron presentes o director e o secretario da AECT da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, Nuno Almeida e Xosé Lago.

Por outra banda, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal publicará este ano novas convocatorias do programa de mobilidade académica Iacobus para estadías, publicacións científicas e patentes. Tamén se continuará a fomentar o intercambio na Eurorrexión no ámbito cultural a través do proxecto Nortear e no turístico co programa Facendo Caminho. Ademais, a AECT da Eurorrexión seguirá a colaborar na promoción e difusión dos Camiños de Santiago en Portugal, coa dirección de Turismo do Norte luso e a de Galicia co obxectivo de presentar, neste 2022, as bases para o plan director das rutas xacobeas portuguesas a Compostela.

Na Asemblea de hoxe tamén se realizou unha declaración de condena á guerra de Ucraína e acordouse realizar un informe sobre o impacto da guerra na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
 

Imaxes relacionadas