A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural presidiu esta mañá a entrega de 716 títulos de propiedade a case 400 veciños

A Xunta finaliza a concentración parcelaria da zona de Boqueixón-Granxa tras investir máis de 1,3 millóns de euros

Mediante este proceso de reorganización do territorio, que abarca unha superficie de case 615 hectáreas, triplicouse a superficie media das parcelas resultantes

Desde o ano 2020, a Xunta entregou preto de 18.500 títulos de 17 concentracións parcelarias que beneficiaron a 7.750 propietarios, incluíndo a de hoxe

No ano 2021 decretáronse cinco novos procesos nos municipios de Outeiro de Rei, Ordes, Friol e Castro de Rei
 

Boqueixón (Lugo), 23 de marzo de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta mañá en Boqueixón a entrega de 716 títulos de propiedade da concentración parcelaria de San Vicente de Boqueixón e San Lourenzo de Granxa, dando así por rematado este proceso que supuxo un investimento por parte da Xunta de máis de 1,3 millóns de euros.

Esta parcelaria comprende unha superficie de case 615 hectáreas e beneficia a 397 propietarios, que viron como a superficie media das súas parcelas se triplicou. Así, salientou a directora, pasouse dunhas 2.200 parcelas iniciais a 716 fincas resultantes, o que conlevou unha mellora da estrutura territorial das explotacións da zona e, por tanto, unha diminución nos seus custos de produción.

Ademais, Inés Santé tamén destacou que esta parcelaria era o único proceso aínda aberto neste concello coruñés, polo que a día de hoxe ten máis do 50% da súa superficie concentrada, é dicir, case 4.000 hectáreas que se reorganizaron a través de distintos procesos de reestruturación parcelaria.

Neste senso, a directora xeral puxo en valor estes procesos, que se converten nunha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, destacou que a día de hoxe quedan 94 procesos abertos, pero que en 58 deles os veciños xa poden facer uso das novas parcelas. Por iso, Santé reiterou o seu compromiso en seguir traballando na finalización destas parcelarias, para as cales hai un orzamento en 2022 de 12 millóns de euros.

A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas desde o ano 2020 nos concellos coruñeses de Touro, Coristanco, O Pino, Melide, Ferrol, Carral e Cambre; nos lugueses de Riotorto, Castro de Rei, O Valadouro, Abadín e Mondoñedo, e no ourensá de Baltar. Ademais, entre o ano 2020 e o que levamos de 2022, a Xunta entregou preto de 18.500 títulos de 17 concentracións parcelarias -sumando a de hoxe- que beneficiaron uns 7.750 veciños propietarios.

Por último, a directora xeral lembrou que o seu departamento segue decretando novos procesos de reestruturación, fiel ao seu compromiso de declarar novas parcelarias por cada unha que se vaia rematando. Así, o pasado ano decretáronse cinco novos procesos, dous deles no concello de Outeiro de Rei e outros tres nos municipios de Ordes, Friol e Castro de Rei. Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

Ademais, a través da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia seguiranse impulsando estes procesos á vez que se aposta tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).

Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria. Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.
 

Imaxes relacionadas