A Xunta aproba o proxecto de construción de dúas sendas na estrada OU-536 ao seu paso por Santa Baia e as vendas, nos concellos do Pereiro de Aguiar e de Esgos

Os novos itinerarios sumarán 3 km de lonxitude e contarán cunha anchura mínima de 2 metros e pavimento de formigón coloreado, atendendo as necesidades de persoas con mobilidade reducida e ofrecendo unha adecuada integración estética

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar na primavera a execución destas obras, que contan cun prazo de 6 meses, para comezalas no outono

Tras a análise das achegas recibidas diminuíuse en máis dun 50% a superficie que se debe expropiar, desde os 10.828 m2 previstos no proxecto que se someteu a información pública aos 4.705 m2 previstos no documento aprobado
 

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto construtivo de dúas sendas peonís na estrada OU-536, ao seu paso por Santa Baia e As Vendas, nos concellos do Pereiro de Aguiar e de Esgos.

O Consello da Xunta autorizou a o pasado día 17 as expropiacións dos 78 predios necesarios para executar dous treitos de senda pola marxe esquerda da estrada OU-536, que suman 3 km de lonxitude, co obxectivo de dotar dunha maior seguridade aos viandantes e puntualmente aos usuarios de bicicleta non deportivos.

O investimento total da Xunta nestas obras, incluíndo o pagamento das expropiacións, supera o 1,1 M€.

O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. Tras a análise das achegas recibidas diminuíuse en máis dun 50% a superficie a expropiar, desde os 10.828 m2 previstos no documento que se someteu a información pública aos 4.705 m2 do proxecto aprobado.

No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3wu3lOJ

As novas sendas da OU-536 terán un ancho mínimo variable de 2 metros, separada da estrada por diferentes elementos, e con pavimento en formigón coloreado, para atender as necesidades das persoas con mobilidade reducida e ofrecer unha adecuada integración estética.

O primeiro eixo, en Santa Baia, discorre polo concello do Pereiro de Aguiar e iníciase no punto quilométrico 8+800, na glorieta da OU-536, e finaliza no 11+050. Entre os puntos quilométricos 9+220 e 9+520 redúcense os carrís de circulación a 3 metros de ancho para dar cabida á senda sen afectar a un muro existente, protexido desde o punto de vista do patrimonio cultural.

O segundo eixo, correspóndese co treito das Vendas, comeza no límite entre os concellos de Esgos e do Pereiro de Aguiar, no punto quilométrico 11+950, no cruce de Ordelles, e transcorre integramente polo concello de Esgos ata rematar no punto 12+740, no cruce de acceso á Cabalgada.

As actuacións deseñadas pola Xunta buscan favorecer a mobilidade dos veciños da zona, así como unha mellor conexión co transporte público, para o que se prevé a instalación de catro novas marquesiñas.

Ademais, as obras compleméntanse coa execución de cunetas de seguridade, franxa verde e bordillo para separar o tráfico rodado dos peóns.

A previsión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é licitar na primavera a execución das obras, para comezalas no outono, xestionando as expropiacións en paralelo ao proceso de adxudicación. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

A intervención é susceptible de financiamento con fondos europeos FEDER do programa operativo 2014-2020.

Esta nova intervención autorizada hoxe polo Executivo autonómico enmárcanse no Plan de sendas da comarca de Ourense, que recolle un investimento de 7,1 M€ en 16 km de novos itinerarios.

A Xunta continúa traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.