A Xunta iniciará de inmediato a actividade da nova unidade de saúde mental de Ponteareas

Comezará a funcionar en quenda de tarde mentres a área sanitaria executa unha reforma no andar -1 do actual centro de saúde para acollela

O conselleiro de Sanidade comprometeu unha próxima visita de técnicos do Sergas unha vez que o concello ofreceu unha proposta concreta de parcela para construír o novo centro de saúde proxectado no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

O conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, mantivo esta tarde unha reunión coa alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, acompañados pola directora xeral de Recursos Económicos do SERGAS, María Jesús Piñeiro e, a través de videoconferencia, polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto.

O obxecto da reunión era avanzar no trámite de construción do novo centro de saúde de Ponteareas, contemplado na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado o pasado outubro. Así, en novembro o conselleiro remitiu unha carta ao Concello de Ponteareas solicitando a posta a disposición dunha parcela con máis de 5.060 m2 de edificabilidade. Na reunión de hoxe, a alcaldesa fixo por primeira vez a proposta dunha parcela concreta, co que o conselleiro se comprometeu a enviar a semana próxima unha visita de técnicos da Xunta para avaliar a súa viabilidade e comezar o trámite administrativo oportuno para asinar un acordo de colaboración no que o Concello se comprometa a ceder dita parcela á Xunta para a construción por parte desta dun edificio destinado a centro de saúde.

En particular, o plan funcional que está recollido para o novo centro de Ponteareas no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria contempla un aumento de superficie de case un 80% respecto ao centro actual, o que supón incrementar en 8 as consultas de adultos, en 2 as pediátricas e en 4 as do Punto de Atención Continuada, así como incorporar 4 consultas para especialidades, unha base do 061 e un área de saúde mental.

Unidade de saúde mental

Precisamente en relación a isto último, o conselleiro avanzou tamén á alcaldesa a intención do Sergas de poñer de inmediato en funcionamento unha nova unidade de saúde mental en Ponteareas cuxa creación e dotación estaba prevista no Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid 2020-2024 para o ano 2023, se ben debido á situación actual de incremento notable da demanda e a firme aposta pola saúde mental da Xunta a súa posta en funcionamento adiantarase.

Esta unidade de saúde mental estará dotada de 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 enfermeira e un auxiliar administrativo.

Debido as carencias de espazos do actual centro de saúde e a ausencia de localizacións alternativas no concello, a área sanitaria vai acometer unha obra no andar -1 na que acollería a totalidade da unidade nunha ala do centro.

En reunión cos profesionais do centro, pedíuselles a máxima colaboración por un tempo limitado, ata contar co novo centro de saúde. O conselleiro e o xerente da área trasladaron á alcaldesa a máxima colaboración prestada polo persoal, pois todos estiveron de acordo en facer un importante esforzo cedendo varios dos espazos en uso actualmente (vestiarios e un almacén), comprendendo a necesidade de que esta unidade inicie a súa actividade nesta comarca.

Ata que se poida dispoñer dos espazos reformados, a unidade comezará a realizar consultas na queda de tarde do centro de saúde, coa finalidade incrementar a accesibilidade e reducir lista de espera.
 

Imaxes relacionadas