Política social apoia a nova exposición ‘historia y cultura del pueblo gitano’, que se pode ver en Lugo

Lugo, 22 de marzo de 2022

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na visita guiada á exposición Historia y Cultura del Pueblo Gitano, unha exposición elaborada pola Asociación de Enseñantes con Gitanos que chega a Lugo en colaboración coa Asociación Promoción e Integración Gitana de Lugo para achegar á cidadanía a información real e documentada sobre a historia do pobo xitano co obxectivo de estimular e motivar unha mirada limpa e respectuosa sobre os cidadáns xitanos. A mostra poderá visitarse na sede da agrupación ata o día 25.

Arturo Parrado puxo en valor o constante apoio da Xunta de Galicia ao pobo xitano para favorecer a integración social en diferentes eidos, como o fomento da educación ou a inclusión sociolaboral e a transición ao emprego. Para desenvolver programas que consigan este obxectivo, o Goberno galego achegou á Asociación de Promoción e Integración Xitana preto de 135.000 euros.