O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade asistiu este mediodía á toma de posesión do novo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López

Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta coa USC a través do impulso do Campus Terra, o apoio á investigación ou o novo plan de financiamento universitario

Salienta que o crecemento nos últimos anos da USC foi impulsado pola súa aposta clara polo talento, pola diversificación pedagóxica e pola especialización formativa

Felicita ao novo reitor pola etapa que emprende e resalta o espírito de colaboración institucional que sempre guiou as súas actuacións

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa USC, a través do impulso do Campus Terra, o apoio á investigación ou o novo plan de financiamento universitario.

Durante o acto de toma de posesión do novo reitor, o representante da Xunta de Galicia recordou que o ano pasado o Campus Terra acreditouse como campus de especialización do Sistema Universitario Galego, culminando así o traballo de varios anos, no que o Goberno galego investiu máis de 8 millóns de euros, que serán complementados con outros 4 millóns nos vindeiros catro anos.

“Tamén no 2021, un total de 140 grupos de investigación da Universidade de Santiago estiveron apoiados pola Administración galega, cun orzamento de 10,7 millóns de euros. E 225 novos investigadores recibiron financiamento público, ademais de chegar significativos fondos europeos que acreditan a calidade do ensino que se imparte na USC”, engadiu.

Todas estas cifras reflicten, segundo resaltou o conselleiro, unha intensa colaboración entre a Universidade de Santiago e a Xunta, que se completa co Plan de Financiamento Universitario 2022-2026; o máis ambicioso da historia de Galicia, que mobilizará no próximo quinquenio arredor de 3.200 millóns de euros.

“Un plan que ten como eixos o financiamento global para garantir o noso sistema universitario, a internacionalización, as relacións universidade-empresa, a docencia innovadora, a investigación avanzada e a sustentabilidade social e medioambiental”, recalcou.

Ao longo da súa intervención, o representante do Goberno galego salientou que o crecemento nos últimos anos da USC foi impulsado pola súa aposta clara polo talento, pola diversificación pedagóxica e pola especialización formativa. Uns factores que, “perfectamente conxugados”, sitúana nos postos de cabeza nos índices de rendemento das enquisas estudantís e docentes.

O conselleiro concluíu felicitando ao novo reitor, Antonio López, pola etapa que emprende e resaltando o espírito de colaboración institucional que sempre guiou as súas actuacións.
 

Imaxes relacionadas