A Xunta colabora na restauración dos documentos do Rexistro Civil do xulgado de paz do Pereiro de Aguiar

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou as instalacións do concello ourensán e comprobou as melloras que a Xunta está a facer a través de medios informáticos nos xulgados de paz galegos

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 22 de marzo de 2022

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado do alcalde de Pereiro de Aguiar, Luís Menor, visitou o xulgado de paz do concello ourensán do Pereiro de Aguiar para comprobar o estado de conservación dos libros do Rexistro Civil coa inversión feita pola Xunta de Galicia para a recuperación e restauración dos documentos máis antigos.

Desde a Xunta estase a realizar un importante investimento nestes órganos a través de medios informáticos dos que se están a beneficiar 270 xulgados de paz en toda Galicia, o que permite ter operativo o programa informático de xestión de Rexistro Civil vía telemática. Ademais, o Goberno galego realiza achegas aos concellos para dotarse dos medios materiais que permiten o seu funcionamento. No caso do Pereiro de Aguiar, a última actuación no Rexistro Civil permitiu recuperar e encadernar de novo 36 libros, unha actuación que contou cunha achega da Xunta de 1.742 euros.

A Xunta leva anos investindo para mellorar as condicións dos xulgados de paz de toda Galicia e dotalos dos medios e infraestruturas que merecen, xa que son o primeiro chanzo da estrutura xudicial e contribúen decisivamente a mellorar o seu servizo.

Os xuíces de paz galegos, ademais de celebrar actos de conciliación e de tramitar xuízos verbais de menor contía, prestan funcións de apoio aos órganos xurisdicionais na realización dos actos de comunicación e levan os asuntos de Rexistro Civil que competen a case a metade da poboación galega, polo que o labor dos 270 xulgados de paz que hai en Galicia é fundamental para o bo desenvolvemento da xustiza.

O Goberno galego presta apoio aos xulgados de paz nunha tarefa que redunda no beneficio dos cidadáns, sobre todo nos concellos e nas vilas do noso ámbito rural.
 

Imaxes relacionadas