Gabriel Alén visita as obras de mellora realizadas no centro de saúde de Maside que contaron cun investimento de máis de 48.000 €

O delegado territorial puxo en valor este investimento para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde para facilitar o seu uso por parte dos veciños

A actuación tivo un orzamento de máis de 48.000 euros e foi financiada a partes iguais pola Xunta e polo Concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.

A Xunta conta nos Orzamentos para 2022 con 34,3 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a segunda maior contía dos últimos 16 anos

Ourense, 22 de marzo de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Maside, José Manuel Iglesias visitou as obras que se realizaron no centro de saúde de Maside que permitiron levar a cabo melloras para a posta a punto do edificio naqueles elementos máis deteriorados.

O orzamento executado ascendeu a algo máis de 48.000 euros e foi financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

O delegado territorial destacou que se levou a cabo esta actuación porque o edificio requiría dunha serie de actuacións para o acondicionamento e melloras das súas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo. Gabriel Alén informou de que as obras que se levaron a cabo consistiron en renovar a carpintería exterior, a adaptación do aseo, acabados interiores e renovar a calefacción.

O representante do Goberno galego puxo en valor este investimento para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde para facilitar o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para acondicionar o edificio municipal no que se presta o servizo sanitario aos veciños de Maside; e lembrou a recente reforma da cuberta deste edificio, na que Vicepresidencia primeira investiu case 34.000 euros.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 97 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 3 obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense nos últimos años puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopa xa adxudicada a reforma do centro de saúde de Arnoia e xa iniciadas as obras de reforma do centro de saúde de Ribadavia.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios o Cenlle. De feito, durante o año 2021, o executivo galego tamén firmou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Amoeiro, Beariz, Vilardevós, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

Para continuar con este esforzo, en outubro o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

Na provincia de Ourense, este Plan recolle un novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense cuxo proxecto construtivo vén de ser adxudicado e un novo centro de saúde en A Rúa cuxa redacción de proxecto está xa encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas e será licitada neste mesmo mes. Por outra banda, na fase 1 do Plan contémplanse novos centros en Muíños, Boborás e O Carballiño mentres que na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Allariz, Montederramo e o barrio de Mariñamansa na cidade de Ourense, así como a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo.

Para iniciar eses proxectos e abordar a execución doutros xa en marcha, a Xunta de Galicia conta nos Orzamentos para 2022 con 34,3 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a segunda maior contía dos últimos 16 anos, só superada pola de 2021, que incorporaba unha partida de 20 millóns de fondo covid destinada a obras menores para axustar circuítos e espazos á pandemia.

Pero para completar esta renovación das infraestruturas, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

A través dese fondo, nos últimos cinco anos a Xunta destinou 10,7 millóns de euros a financiar os gastos de 156 centros de saúde de titularidade municipal, dos cales 61 atópanse na provincia de Ourense.

Así, nos orzamentos da Xunta de 2022 incrementouse nun 14%, ata os 2,4 millóns de euros, esa partida do Fondo de Cooperación Local destinada aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade. Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.

Imaxes relacionadas