O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu o acto inaugural do evento

A Xunta destaca no I Encontro do viño galego o potencial da futura Lei da calidade alimentaria para consolidar no mercado os nosos viños, augardentes e licores tradicionais

José Luis Cabarcos, que estivo acompañado polo xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, lembrou que se vén de iniciar a tramitación desta norma, coa pretensión de tela aprobada neste 2022

A Consellería do Medio Rural, en colaboración cos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, participa no Túnel do Viño con máis de 200 referencias, así como co espazo Experiencias de Calidade

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe o acto inaugural do I Encontro do Viño Galego Revera Vinum, que se celebra en Santiago de Compostela deica este xoves. Alí, puxo de relevo o potencial da futura Lei da calidade alimentaria de Galicia para consolidar no mercado os nosos viños, augardentes e licores tradicionais, mediante unha nova certificación de sustentabilidade, a aposta pola potenciación dos consellos reguladores ou unha revisión dos procedementos de control adaptada á nova realidade.

Na cita, o director, que estivo acompañado polo xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, lembrou que se vén de iniciar a tramitación da futura norma, coa idea de tela aprobada neste 2022. Entre outras novidades, o texto tamén inclúe a creación de dous órganos de consulta e participación do propio sector para guiar as actuacións do Goberno galego.

Pola súa parte, o xerente de Turismo de Galicia destacou o apoio que desde a Xunta se lle vén prestando á Asociación Hostalaría Compostela na posta en marcha dos seus proxectos. Así mesmo, puxo en valor a importancia do viño na cultura galega e o peso que ten o enoturismo nas estratexias turísticas que se veñen desenvolvendo desde o Goberno galego, destacando a oportunidade que supón reunir estes días en Santiago a oferta das cinco denominacións de orixe (DO) e das indicacións de xeográficas protexidas (IXP) do viño galegas.

Precisamente en colaboración cos consellos reguladores das distintas DO e IXP dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria promove no marco do I Encontro do Viño Galego Revera Vinum un espazo conxunto no Túnel do Viño, con máis de 200 referencias diferentes. Con esta presenza agrupada preténdese identificar o potencial do sector vitivinícola galego e poñelo en valor ante os visitantes profesionais, facéndoos conscientes da súa importancia e do seu alcance.

No caso dos viños, as referencias están agrupadas por denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, e diferenciadas por tipo de viño (branco ou tinto). No caso das augardentes e licores, están aglutinadas por indicación xeográfica. Cómpre engadir que as marcas premiadas cos Acios e cos Potes nas Catas de Galicia 2021 van sinalizadas e acompañadas dos queixos e meles que tamén foron premiados nesa cita.

A maiores, cabe resaltar que a Xunta habilita un espazo centrado nas Experiencias de Calidade onde se realizan pequenas elaboracións culinarias de produtos de calidade diferenciada maridadas con viños de denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas.

Promovido pola Asociación Hostalaría Compostela, o I Encontro do Viño Galego Revera Vinum nace co obxectivo de dar a coñecer, fomentar e difundir o potencial do sector. Tamén para crear un punto de encontro para as diferentes adegas, DO e IXP galegas, reunidas todas elas por primeira vez nun evento destas características.

Imaxes relacionadas