A Xunta entrega ao Concello de Quiroga as obras de mellora do equipamento da depuradora, que supuxeron un investimento de preto de 30.000 euros

Os traballos acometidos teñen como obxectivo facilitar o control e a medición das augas entrantes e tratadas na depuradora

As obras, ademais de evitar posibles vertidos por fallos no pozo de bombeo, monitorizan a planta para detectar posibles anomalías e resolvelas con axilidade

A Xunta continúa prestando apoio aos municipios para que poidan exercer de xeito eficiente as súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de entregar ao Concello de Quiroga a mellora executada na estación depuradora de augas residuais, tras un investimento autonómico de preto de 30.000 euros.

A intervención incluíu a dotación dun novo equipamento para mellorar o control e a medición do caudal de auga residual entrante e de auga tratada.

Para acadar este obxectivo, incorporáronse caudalímetros de entrada e saída, un contador electrónico e outros aparatos de comprobación do rendemento da instalación.

Tamén se instalou unha segunda bomba de apoio no pozo de bombeo de entrada para garantir o funcionamento da depuradora, xa que con só unha bomba poderían producirse verteduras, en caso de avaría.

Estas obras, ademais de evitar posibles vertidos por fallos no pozo de bombeo, conseguiron unha monitorización completa da planta, coa que se poden detectar posibles anomalías no funcionamento e resolvelas coa maior axilidade.

A Xunta continúa prestando apoio aos municipios na planificación, execución e financiamento de infraestruturas hidráulicas de abastecemento, saneamento e depuración, que son servizos de competencia municipal básicos para a cidadanía.