A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegouse a Corrubedo, co gallo do Día mundial da auga

A Xunta inicia en abril os traballos para frear o avance do bosque de piñeiro e protexer a integridade da duna costeira de Corrubedo aos que destina 0,38 M€

É un dos proxectos de conservación que se executan con fondos europeos, co que se quere mellorar o hábitat dunar no que residen aves ameazadas como a píllara das dunas e o pernileiro

Ángeles Vázquez recorda que o Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un dos escenarios da nova campaña turística ‘7 días, 7 parques’, promovida polo Goberno galego

Ribeira (A Coruña,) 22 de marzo de 2022

A Xunta iniciará o vindeiro mes os traballos cos que pretende frear o avance do bosque de piñeiro e protexer a integridade da duna costeira de Corrubedo, ao que se destina un importe global de 383.614 euros e que conta coa financiación da Unión Europea a través de Fondos NextGenerationEU.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, achegouse esta mañá ao Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, co gallo do Día mundial da auga e no marco da campaña 7 días, 7 parques, onde destacou que se actuará en 10 polígonos do parque para erradicar especies arbóreas que están a colonizar a zona dunar e alteran este hábitat costeiro ao impedir a mobilidade da area.

Explicou que na actualidade as masas están a ocupar espazos que -orixinariamente- formaban parte dos areais e sistemas dunares, polo que se eliminarán os pés destas especies -mediante o apeo, derramado, tronzado, amoreado das toradas- e se farán rozas selectivas dos restos leñosos, co fin de evitar danos na flora, impedir a incorporación de materia orgánica e reducir os riscos de incendio.

Vázquez Mejuto lembrou que este proxecto tamén prevé a caracterización dos dez polígonos nos que se actuará, o que permitirá a dixitalización dos recursos naturais existentes.

Segundo manifestou a conselleira, a mellora e recuperación dos ecosistemas naturais, permitirá garantir unhas boas condicións de hábitat para as especies que se localizan neste espazo, como a píllara das dunas, o pernileiro, o sapo de esporóns; así como plantas dunares endémicas como Iberodes littoralis Subsp. gallaecica e a orquídea Spiranthes aestivalis, incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

Engadiu que este tipo de iniciativas son acordes aos obxectivos e metas que recolle o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural, aprobado en maio de 2021 e que prevé un investimento de 6,5 millóns de euros na próxima década; para poñer en valor a contorna natural deste parque que abarca 996 hectáreas.

O alcalde de Ribeira agradeceu á conselleira que se achegara ata Corrubedo no Día mundial da auga, para axudalo a divulgar a necesidade de tomar conciencia de preservar un ben tan importante como é a auga e, sobre todo, neste espazo dominado pola lagoa de Carregal e Vixán.

‘7 días, 7 parques’

A conselleira destacou que “cando un pensa en Corrubedo, venlle á mente a duna móbil”, un dos maiores atractivos deste espazo natural, pero non o único xa que as lagoas de Carregal e Vixán son un excelente exemplo de Complexo barra-lagoa litoral.

O valor de espazos, como os que se atopan en Corrubedo, son o eixe vertebrador da campaña da Xunta 7 días, 7 parques para o fomento do turismo de natureza, coa que se quere divulgar a riqueza e o interese que albergan -desde o punto de vista paisaxístico e da biodiversidade- os seis parques naturais e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Destacou que os galegos e visitantes teñen á súa disposición 58.000 hectáreas de xoias naturais e un total de 62 rutas que abranguen máis de 400 quilómetros adaptados para percorrelos a pé ou en bicicleta; e recordou que as 20 primeiras persoas que visiten -antes do 30 de setembro- estes espazos serán recompensadas cunha fin de semana para dúas persoas nun dos establecementos hostaleiros da Rede de Turismo de Galicia dentro da área de influencia destes espazos.

Para participar e completar o reto, tan só hai que achegarse ata algún dos centros de visitantes e de interpretación dos sete parques e solicitar un pasaporte. A partir dese momento, o persoal de cada un dos centros encargarase de selar a casiña correspondente para acreditar a visita, tal e como fixo esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, no centro de Corrubedo. Unha vez completado o pasaporte, bastará con escanealo e envialo por correo electrónico, xunto cos datos persoais do visitante, co fin de que a Consellería de Medio Ambiente certifique o documento e se poña en contacto cos premiados.

Imaxes relacionadas