A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico abre a vindeira semana o calendario de festivais audiovisuais apoiados pola Xunta

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da 17ª edición do evento impulsado en Santiago polo Museo do Pobo Galego

As proxeccións terán lugar do 28 de marzo ao 2 de abril, con 14 filmes a concurso e outros tantos noutras seccións do certame, ademais doutras propostas

A Xunta ratifica e reforza o seu compromiso cos festivais profesionais do sector audiovisual cunha liña de subvencións que en 2022 ascende a 210.000 euros

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

A 17ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) impulsada polo Museo do Pobo Galego abre a vindeira semana en Santiago o calendario deste ano de festivais audiovisuais que veñen recibindo o apoio da Xunta a través da liña específica de subvencións para estes eventos profesionais. A programación estenderase do 28 de marzo ao 2 de abril con 14 filmes a concurso, outras tantas proxeccións fóra do certame e diversas actividades paralelas para todos os públicos. Así se anunciou no acto de presentación desenvolvido hoxe coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, xunto á directora da MICE, Ana Estévez; a vicepresidenta do Padroado, Concha Losada, e representantes doutras administracións colaboradoras.

Tal e como sinalou Sutil, a aposta do Goberno galego no impulso a estes certames consolídase e mesmo medra cada ano, cun orzamento que en 2022 ascende a 210.000 euros. “Conscientes do papel esencial que xogan dentro do sistema audiovisual galego e da necesidade de apoio público para a súa celebración, o noso compromiso non pode máis que ratificarse e mesmo incrementarse”, salientou.

Ademais, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse aos aspectos que lle outorgan valor engadido a esta mostra no conxunto dos festivais, como a diversidade de formatos e estilos ou a especialización no ámbito do cinema documental da etnografía. Con respecto á edición presentada hoxe, destacou a súa faceta internacional cunha ollada ao leste de Europa, o programa de curtas para escolares ou a posta en valor de profesionais do audiovisual galego.

Filmes galegos e internacionais a concurso

A 17ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico inclúe na sección internacional a concurso 14 títulos de distintas nacionalidades, dos que tres son galegos e os restantes de países como India, Brasil, Alemaña, Xeorxia, Perú ou Ucraína. Na listaxe internacional de filmes cómpre salientar unha estrea absoluta, cinco en España e dúas en Galicia. Canto á representación galega, concursan as películas Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro; O último de Arganeo, de David Vázquez Vázquez, e Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo. Estas últimas serán presentadas polos directores.

A maiores e fóra de concurso, hai tres seccións nas que se exhibirán outros 14 títulos arredor de diversas temáticas. Así, Lindes afonda nos procesos creativos e de documentación dos traballos galegos A virxe roxa e Nación, coa exhibición das fitas e encontros cos responsables da súa dirección, Marcos Nine e Margarita Ledo Andión, respectivamente. A eles súmase Cadernas de Olloboi, do equipo do festival de cine escolar Olloboi, que protagonizará a sesión inaugural. As outras seccións son Trazas, con distintas reflexións no cinema internacional sobre o eido laboral, e Impropias, unha ollada a cineastas do leste de Europa.

Haberá tamén o programa escolar MICE Petís e outro familiar, ademais de accións formativas que inclúen un obradoiro, debates, un seminario e unha conversa aberta ao público con profesionais do audiovisual. Outra das propostas é a exposición fotográfica Coreografías do facer. O traballo feminino nos fondos Henningsen, inaugurada hoxe no Museo do Pobo Galego. A información de toda a programación e como participar nas distintas actividades pode consultarse na web do evento.

Imaxes relacionadas