A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou telematicamente o acordo, que deben asinar agora, de forma urxente, o Concello da Coruña e Adif para avanzar neste proxecto estratéxico que suporá un investimento de 43,2 M€

A Xunta asina o convenio para a construción da estación de autobuses e o aparcadoiro da estación intermodal da Coruña

Unha vez formalizado o acordo, a Xunta licitará as obras da estación de autobuses co aparcadoiro, cun investimento de 32,4 M€, que executará asumindo o 60% do importe

A Xunta tamén contratará as obras dos elementos comúns entre as estación de autobuses e a nova estación ferroviaria, cun investimento de 10,8 M€, que cofinanciarán as tres administracións, achegando a Xunta o 10% do importe

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

A Xunta asinou hoxe o convenio para a execución da terminal de autobuses, o aparcadoiro e os elementos comúns da reforma ferroviaria que configurarán a estación intermodal da cidade, cun investimento de máis de 43,2 millóns de euros.

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou de xeito telemático o acordo, que foi remitido xa ao Concello da Coruña e a ADIF para a súa sinatura inmediata, imprescindible para avanzar neste proxecto estratéxico e poder licitar as obras.

O Consello da Xunta autorizou a semana pasada o convenio, ao dispor da imprescindible garantía de crédito orzamentario no Concello da Coruña para asumir os compromisos previstos.

Unha vez formalizado o acordo, o Executivo autonómico licitará as obras da estación de autobuses co aparcadoiro de turismos, cun investimento de 32,4 M€, que executará asumindo o 60% do importe e o Concello contribuirá co restante 40%.

O Goberno galego tamén contratará as obras dos elementos comúns entre as estación de autobuses e a nova terminal ferroviaria, cun investimento de 10,8 M€, que cofinanciarán as tres administracións, achegando a Xunta o 10% do importe, outro 10% o Concello e o 80% ADIF.

A Xunta prevé investir un total de preto de 20,5 M€ na estación intermodal da Coruña. Este orzamento será cofinanciado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, a través dos fondos Next Generation EU.

O proxecto da estación intermodal da Coruña conta xa coa aprobación urbanística tras a súa tramitación ao abeiro da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese e aprobalo polo Consello da Xunta.

En relación aos accesos nas avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril, serán executados e financiados polo Concello da Coruña, cunha achega de 4 millóns de euros.

A remodelación da estación ferroviaria corresponderalle a ADIF, que investirá preto de 50 millóns de euros.

Estación de autobuses

A estación de autobuses desenvolverase en paralelo á avenida da Sardiñeira e á traza ferroviaria, sobre unha parcela de 21.000 metros cadrados e estará dividida en dous niveis: no superior situarase a estación propiamente dita, co edificio de viaxeiros e a zona de dársenas, ademais da pasarela peonil de comunicación coa avenida do ferrocarril; e no inferior, a cota variable, situaranse o aparcadoiro, a zona de comunicación peonil coa estación e as dársenas de regulación.

O acceso peonil ao novo edificio da estación de autobuses poderá realizarse desde a avenida da Sardiñeira, a través da pasarela peonil de conexión coa avenida do Ferrocarril, ou desde a propia estación de tren e o aparcadoiro.

Os autobuses accederán por un ramal da glorieta que se prevé construír na avenida da Sardiñeira, desde a cal se poderán dirixir tanto á zona das dársenas como ao aparcadoiro de regulación, no suroeste da parcela.

Os vehículos dirixiranse ao aparcadoiro desde a futura glorieta da Sardiñeira ou desde a glorieta da avenida do Ferrocarril, a través do túnel que se prevé executar baixo a estación de San Cristóbal.

O edificio da estación terá 2.500 metros cadrados, distribuídos en tres andares. O andar máis alto será de acceso restrinxido ao persoal autorizado e acollerá as instalacións e os cuartos técnicos. No andar baixo, desde o vestíbulo accederase a unha zona de circulación e espera, cun desenvolvemento lonxitudinal arredor do cal se disporán a cafetería, as taquillas, aseos, sala de seguridade, facturación, ademais doutras oficinas privadas.

A zona de dársenas estará á cota do andar baixo do edificio, de forma que serán os autobuses e non os viaxeiros a pé os que circulen baixo a terminal para entrar e saír. A estación contará con 20 dársenas de operación e unha zona de regulación no aparcadoiro, con máis de 20 prazas.

O aparcadoiro de turismos dispón de 325 prazas de estacionamento, máis 44 para vehículos de alugueiro, das cales unha porcentaxe se reservará para persoas con mobilidade reducida, para familias e embarazadas e para coches de carga eléctrica. Así mesmo, proxéctase habilitar prazas para motocicletas.