Luis López aborda co alcalde de Arbo os proxectos da Xunta para o municipio en infraestruturas, medio rural, abastecemento, educación e empresa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantén un encontro de traballo co rexedor Horacio Gil, que acudiu ao edificio administrativo de Campolongo para interesarse pola tramitación administrativa de varios investimentos

A urbanización da estrada PO-400 na travesía de Cequeliño, a apertura da rúa Vázquez Estévez, o proxecto de abastecemento integral dotado con 2M€ e o saneamento en Balouta foron tratados nesta reunión

O representante autonómico tamén lle informou do estado da mellora do parque empresarial, dos investimentos para recursos turísticos, como cubrecontedores e iluminación ornamental, e do Plan Marco para acceso a parcelas de vide
 

Pontevedra, 22 de marzo de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, abordou esta mañá co alcalde de Arbo, Horacio Gil, o estado dos proxectos do Goberno galego para o municipio en materia de infraestruturas, medio rural, abastecemento, educación e empresa, que superan conxuntamente os 2,5 millóns de euros.

O representante autonómico mantivo un encontro de traballo co rexedor e tamén estableceron contactos coas dependencias provinciais das distintas consellerías, xa que Horacio Gil interesouse polo estado da tramitación administrativa de varios destes investimentos autonómicos.

Así, na reunión tratáronse o inicio das obras de urbanización da estrada autonómica PO-400 na travesía do Cequeliño, a apertura da rúa Vázquez Estévez cara esta vía co plan de mellora ou creación de infraestruturas municipais, o proxecto do abastecemento integral, que é o que ten orzamento máis elevado xa que rolda os 2 millóns de euros, e o saneamento de Balouta, entre outros.

O delegado territorial tamén lle informou ao alcalde de Arbo dos avances e do estado doutras actuacións da Xunta, como a mellora do parque empresarial para favorecer o asentamento de novas empresas interesadas; a solicitude de axudas para investimentos en recursos turísticos, como cubrecontedores ou iluminación ornamental na ponte románica e na Praza de Barcela; e do Plan Marco, dotado con case 50.000 euros e que se destinará a habilitación de accesos a parcelas de vide adscritas á Denominación de Orixe Rías Baixas. Finalmente, o rexedor tamén lle trasladou a necesidade de acometer unha rehabilitación do colexio público que vai ser trasladada á Consellería de Educación.
 

Imaxes relacionadas