A Xunta seguirá fomentando unha sociedade máis inclusiva da man de Down Galicia

A entidade entregou tamén premios á doutora María José Fernández Seara, ao artista Xurxo Martiño e á empresa Emetel pola súa implicación na integración das persoas con Síndrome de Down

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia apostou por seguir fomentando a creación dunha sociedade máis inclusiva da man de Down Galicia. O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou hoxe no acto en conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down organizado por esta entidade, no que ademais se entregaron os IX Premios Down Compostela.

O director xeral sinalou que as persoas premiadas neste acto demostran que existe unha sociedade cada día máis integradora e solidaria coas persoas con síndrome de Down. A entidade premiou á doutora María José Fernández Seara, ao artista Xurxo Martiño e á empresa Emetel Sistemas pola súa implicación na mellora da saúde das persoas con discapacidade, na promoción da súa expresión artística e en favorecer a súa inclusión no mundo laboral.

Abeijón destacou que a celebración do Día Mundial da Síndrome de Down é unha oportunidade perfecta para dar visibilidade ás persoas con discapacidade, agradecer aos sectores máis comprometidos da sociedade e coller impulso para seguir poñendo en funcionamento medidas que axuden a facer de Galicia unha comunidade máis comprometida.
 

Imaxes relacionadas