A Xunta advirte de que a inacción do Goberno pon cada día máis difícil a recuperación económica do tecido empresarial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apunta que na conferencia sectorial para abordar as consecuencias económicas da guerra en Ucraína non se concretaron por parte do Executivo central medidas específicas para o transporte, os sectores afectados e as familias

Asegura que o Goberno debe rectificar a súa posición de forma inmediata, adoptando iniciativas no eido das súas competencias enerxéticas e fiscais, tal e como están facendo no resto de países da Unión Europea

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apuntou hoxe que a “inacción evidente dun Goberno sen ideas” está “poñendo cada día máis difícil a recuperación económica e está situando nunha situación de inviabilidade ao tecido produtivo galego”.

Conde, que participou xunto co conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na conferencia sectorial convocada polo Executivo central para abordar coas comunidades autónomas as consecuencias económicas da guerra en Ucraína, sinalou a súa “perplexidade pola actitude do Goberno” ante unha situación de dificultade para a que si se están tomando medidas no resto de países da Unión Europea.

Neste sentido, indicou que, transcorridos dez días da celebración da conferencia de presidentes, non houbo ningunha concreción sobre os acordos alcanzados na Palma.
É dicir, no encontro mantido hoxe coas comunidades autónomas non se trasladou ningún tipo de proposta e non se puxeron sobre a mesa medidas concretas para o transporte, para os sectores afectados e para as propias familias.
O vicepresidente económico da Xunta de Galicia sostén que “ten que haber unha rectificación inmediata por parte do Goberno” e que este debe adoptar medidas no eido das súas competencias enerxéticas e fiscais, ademais dos propios fondos vinculados aos sectores máis afectados.

Pola súa banda, a Xunta anunciou a semana pasada un plan de choque para paliar a situación económica agravada pola guerra en Ucraína. Entre as medidas acordadas,
ampliar o bono social térmico, cuxa tramitación se axilizará e cuxo importe se ampliará con 100 euros por familia; achegar liquidez ás ganderías galegas, tanto pola vía das liñas de financiamento de circulante como de anticipos das axudas que perciben os gandeiros; e o establecemento, no sector do mar, de medidas para compensar o importe das taxas portuarias correspondentes a un período de polo menos dous meses para a descarga dos produtos do mar e os atraques nos peiraos de competencia autonómica.

Imaxes relacionadas