A Xunta pide ao Ministerio maior diálogo e consenso coas CCAA para construír a universidade do século XXI cun financiamento axeitado

Insta ao Goberno central a mellorar a gobernanza, adaptándoa á evolución das propias universidades e ao sistema adoptado no resto do países europeos

Reclama un período transitorio para aprobación de novas titulacións para o curso que vén, dado que o Ministerio cambiou as normas a metade do proceso

Destaca o modelo de financiamento de Galicia e a súa conxelación de prezos públicos desde hai 11 anos como o exemplo que están a seguir o resto das comunidades autónomas

Salienta a necesidade de coordinar a acción co Ministerio de Educación en asuntos como a homoxeneización da ABAU, a convalidación de estudos universitarios para o acceso á FP ou a mellora da carreira docente
 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá co ministro de Universidades, Joan Subirats, para analizar a os cambios normativos que se están a producir neste ámbito. A este respecto, o representante da Xunta de Galicia reclamou ao Goberno central maior diálogo e consenso coas comunidades autónomas para construír a Universidade do século XXI cun financiamento axeitado.

Román Rodríguez instou ao ministro a facer da Conferencia General de Política Universitaria o foro para elaborar unha nova lei do Sistema Universitario Español que xurda do consenso entre os diferentes axentes implicados. En concreto, sinalou a importancia de ter en conta especialmente as administracións autonómicas, que son as encargadas de aplicar a nova normativa.

Gobernanza

Así mesmo, sinalou a necesidade de aproveitar esta nova lei para avanzar na gobernanza das universidades españolas, adaptándoas tanto ás tendencias do resto de Europa como ás necesidades do século XXI. A redacción actual do texto non ofrece solucións nin melloras neste ámbito.

A proposta do Goberno galego, tal e como explicou o conselleiro, pasa por un modelo que avance de forma parella aos cambios vividos pola Universidade nos últimos 20 anos, no que o sistema de elección dos reitores estea baseados nas recomendacións de expertos.

Novas titulacións

Tamén no ámbito normativo, en relación ao novo real decreto polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, o conselleiro lamentou que o Ministerio cambiase as normas a metade do proceso, dificultando o traballo das universidades, que se viron sorprendidas polos cambios.

O texto modificou as esixencias no proceso de verificación de novas titulacións e os requisitos esixidos nas memorias, o que afecta a todas as novas titulacións que incorporarán as universidades galegas o vindeiro curso. Polo tanto, cómpre adoptar na Conferencia General de Política Universitaria un acordo que posibilite a flexibilización destas esixencias permitindo ademais eliminar burocracia e que as universidades poidan ir implementando os cambios de xeito progresivo.

Financiamento consensuado

Román Rodríguez destacou tamén a necesidade de que as medidas que supoñan investimento por parte das autonomías, que son as administracións que financian as universidades, non se adopten de xeito unilateral, senón consensuado coas CCAA e homoxéneo. Neste sentido, demandoulle a procura dunha maior igualdade entre as universidades de España, de tal forma que se garanta un financiamento homoxéneo para favorecer a igualdade no acceso ao alumnado e a calidade da actividade.

Neste sentido, lembrou que a Xunta ten blindado o financiamento ás universidades galegas, cun Plan de Financiamento que mobilizará 3.200 M€ ata 2026. Neste momento Galicia é a cuarta CCAA en investimento por estudante de grao e terceira en esforzo financeiro en termos relativos ao PIB autonómico, moi por riba da media española.

Así mesmo, o Ministerio está a tomar a política de conxelación de prezos públicos de matrícula que a Xunta está a aplicar desde o curso 2011-2012 como exemplo de boa praxe, a replicar no resto do Estado.

Coordinación co Ministerio de Educación

Por outra banda, o conselleiro e o ministro abordaron outras cuestións que requiren da coordinación co Ministerio de Educación y FP, entre elas a estrutura das probas ABAU, que neste momento están a xerar desigualdade de oportunidades entre as comunidades autónomas. Tal e como xa se lle comunicou á ministra de Educación, Galicia propón que o Goberno central articule os mecanismos de coordinación precisos para garantir que as probas teñan un nivel de dificultade similar nos distintos territorios, evitando as diferenzas actuais.

Así mesmo, tamén se transmitiu ao Ministerio de Universidades a necesidade de establecer unha pasarela de recoñecemento de estudos que posibilite que os graduados universitarios que queiran acceder á FP poidan convalidar materias por módulos de ciclos formativos. Neste momento só existe o proceso inverso (convalidación dos alumnos que pasan de FP á Universidade), polo que para estes casos é o Ministerio de Educación o que fai o proceso, ante solicitudes individuais de cidadáns.

Mellora da carreira docente

Finalmente, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou a necesidade de que o Ministerio de Universidades se involucre no proceso de reforma e mellora que a carreira docente precise. Neste sentido, xa se acordou co Ministerio de Educación avanzar neste eido, no que Galicia foi pioneira co estudo para a mellora das competencias profesionais docentes que concluíu en 2018 coas achegas do grupo de traballo constituído para tal fin entre a Consellería, as facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas e a rede de formación do profesorado.

A proposta de Galicia pasa por establecer un marco común de competencias do profesorado que a abranga as tres efes: a formación inicial dos futuros profesionais desde as facultades, a formación para o acceso á docencia e a formación continua do profesorado, encamiñada á actualización e á adaptación dos coñecementos, actitudes e habilidades, aos cambios e avances da sociedade.
 

Imaxes relacionadas