A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e a directora de Augas de Galicia reuníronse cos representantes das empresas explotadoras para avaliar o impacto que está a ter o paro de transportes no proceso de depuración das augas residuais

A Xunta e as empresas xestoras de depuradoras de augas residuais alertan de risco ambiental ante a imposibilidade de retirar lodos das plantas de tratamento polo paro do transporte

Os problemas coa retirada de lodos son xeneralizados en todas as plantas, especialmente nas máis pequenas, ao igual que as dificultades de subministración dos reactivos químicos necesarios para a correcta depuración das augas

Constatan que, de manterse a situación actual de paro, nesta semana poderían poñerse en risco os procesos depurativos, o cumprimento da normativa de vertidos e comprometida a calidade das augas

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

A Xunta e as empresas de xestión das depuradoras de augas residuais alertan do risco medioambiental que pode supoñer a imposibilidade de retirar os lodos das plantas de tratamento polo paro do transporte.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo esta mañá un encontro de traballo cos representantes das empresas que xestionan as depuradoras a cargo da Xunta para avaliar o impacto que está a ter o paro nas plantas de tratamento.

Na xuntanza, na que estiveron presentes representantes de Viaqua, Aqualia, Geseco Augas, S.A, Espina & Delfín e Copasa, trasladaron á Xunta a súa preocupación polas dificultades que están a sufrir para garantir a continuidade do correcto servizo de depuración de augas residuais, ante a imposibilidade de xestionar os residuos, que non poden ser retirados das plantas de tratamento, e polos problemas de subministración dos reactivos químicos necesarios para a correcta depuración das augas residuais.

Os representantes das empresas explotadoras alertaron do risco xeneralizado existente en todas as plantas de tratamento, especialmente naquelas cunha menor capacidade de acumulación de lodos nas instalacións e advertiron que, de continuar a situación actual, nesta semana poderían estar en risco os procesos depurativos, o cumprimento da normativa de vertidos incidindo na calidade da auga.

É esta unha situación que preocupa ao Goberno galego, porque pode comprometer a calidade das augas das rías e ríos galegos, coas afeccións que isto podería supoñer para actividade esenciais como a pesca, o marisqueo, a acuicultura, pero tamén para a saúde e para o medio.

A Xunta urxe á Delegación do Goberno en Galicia que adopte as medidas necesarias para garantir o transporte de lodos e a subministración de reactivos ás plantas depuradoras para evitar un risco medioambiental sobre a calidade das augas. Solicita, concretamente, á Delegación do Goberno que dispoña os medios de escolta oportunos para facilitar o traslado dos lodos das depuradoras en correctas condicións, así como a distribución dos reactivos que permitan garantir a correcta depuración.

A titular de infraestruturas lembrou a necesidade de que o Goberno de España sente negociar coa plataforma convocante do paro e adopte medidas urxentes e inmediatas que permitan poñer freo á situación que sofre o sector do transporte de mercadorías, un sector que xa demostrou ser esencial e estrutural durante a pandemia, para acabar cunha situación de colapso que esta a afectar a todos os sectores e ao conxunto da sociedade.

Imaxes relacionadas