O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, participan na 7ª edición da Semana das Artes Plásticas da Mariña Lucense

A Xunta salienta o talento creativo dos artistas contemporáneos galegos e a súa contribución a promover a arte entre os máis novos

Comezará o vindeiro 1 de abril cunha mostra antolóxica sobre Quique Guerra e outra coa participación de máis de 20 artistas que incluirá unha programación didáctica con visitas guiadas e talleres para os escolares da Mariña lucense

Cervo (Lugo), 21 de marzo de 2022

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe na presentación da 7ª edición da Semana das Artes Plásticas da asociación Tá en Artes que conta co apoio da Xunta. Dará comezo o vindeiro 1 de abril e reunirá diferentes propostas artísticas para o gran público. No acto, salientaron o destacado talento creativo dos artistas contemporáneos galegos que, como indicaron, está contribuíndo a promover a arte entre os máis novos e a divulgala ante o gran público.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo de manifesto o compromiso do Goberno autonómico con iniciativas como estas que promovan a creatividade no eido das artes visuais e tamén dando respaldo ás galerías de arte así como actividades como o Encontro de Artistas Novos que se celebra cada ano na Cidade da Cultura. Ao tempo foméntase o enriquecemento das coleccións dos museos como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), entre outras propostas.

Artistas da Mariña

A 7ª edición da Semana das Artes Plásticas dará comezo 1 de abril coa inauguración da mostra antolóxica sobre Quique Guerra na sala de exposicións do Complexo de Sargadelos. En Foz, a partir do 7 de abril abriranse a mostra homenaxe dos artistas da Mariña na que participan a artista coruñesa María Xesús Díaz e o fotógrafo de Redondela Luis Pereira xunto a 22 artistas e unha pequena mostra do traballo de Quique Guerra. Esta exposición permanecerá aberta ata o 8 de maio e estará acompañada dunha programación didáctica para os centros escolares da Mariña, con visitas e talleres. Editarase tamén un catálogo de mostra, e a partir do 3 de xuño e ata o 17 tamén en Foz, os centros escolares presentarán as súas obras artísticas que contarán co catálogo-revista correspondente.
 

Imaxes relacionadas