O conselleiro do Medio Rural mantivo un encontro con gandeiros do concello de Mazaricos para coñecer a súa situación debido ao paro do transporte

A Xunta e gandeiros instan ao Goberno central a reunirse coa plataforma que convocou o paro do transporte para buscar unha solución dialogada

O Goberno galego fai un novo chamamento á Administración central para que identifique corredores seguros para facilitar a chegada de cereais ás industrias de pensos, a chegada dos pensos ás explotacións gandeiras e a saída do leite das granxas, dos produtos lácteos das industrias e da carne dos matadoiros

O titular de Medio Rural úrxelle ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación a que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e exixe que se faga efectiva a prohibición de venda a perdas

José González instou ao Ministerio a que se reúna inmediatamente coa distribución, coa industria e coa gandaría para, canto antes, acordar unha suba do prezo dos produtos que están percibindo os gandeiros

Namentres non se solvente esta situación, a Xunta aprobou a pasada semana un paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos e para achegar liquidez ás empresas no ámbito das competencias autonómicas
 

Mazaricos (A Coruña), 21 de marzo de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo esta mañá un encontro con gandeiros de Mazaricos e da súa contorna para coñecer a súa situación ante o paro do transporte, tendo en conta que este é o municipio de maior produción láctea de Galicia. Alí, José González e os propios gandeiros solicitáronlle ao Goberno central que se reúna canto antes coa plataforma que convocou o paro para desbloquear esta situación, que pode facer que colapse a cadea agroalimentaria galega.

Así, o conselleiro sinalou que a situación en Galicia pode tornarse dramática debido ao paro do transporte, que agravou aínda máis os problemas que viña sufrindo o eido gandeiro. Neste senso, José González lembrou que o sector estaba xa moi afectado pola suba das materias primas en 2021, situación que se agravou pola invasión rusa a Ucraína e, agora, polo paro do transporte. Por iso, o titular de Medio Rural úrxelle ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación a que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e exixe que se faga efectiva a prohibición de venda a perdas. Así mesmo, o conselleiro instoulle, unha vez máis, ao Ministerio a que se reúna inmediatamente coa distribución, coa industria e coa gandaría para, canto antes, acordar unha suba do prezo dos produtos que están percibindo os nosos gandeiros.

Ademais, namentres non se solvente esta situación de desabastecemento, desde a Xunta pedíuselle ao Goberno central que habilite corredores seguros para todo o sector primario galego e se facilite a chegada de materias primas ás industrias de pensos, a chegada dos pensos ás explotacións gandeiras e a saída do leite das granxas, a saída de produtos lácteos das industrias e dos produtos cárnicos dos matadoiros. Así, José González insistiu en que a situación é de extrema gravidade -tal e como trasladan todos os elos da cadea alimentaria- xa que se está a falar de produtos perecedoiros e da supervivencia e benestar dos animais, que está poñendo o sector en risco de parálise.

Ao tempo, José González insistiu na necesidade de levar a cabo outras actuacións, como a inmediata baixada de impostos dos carburantes e outros insumos claves para o sector primario. Unhas demandas, insistiu, que se reflectiron no día de onte nunha manifestación multitudinaria celebrada en Madrid a prol do rural.

Paquete de medidas da Xunta

Namentres o Goberno central se digna a actuar, a Xunta aprobou a pasada semana un paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos e para achegar liquidez ás empresas no ámbito das competencias autonómicas.

Nesta liña, a Xunta asumiu o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da PAC, que as explotacións cobran no mes de outubro de cada ano. Así, trasladou o conselleiro, o Goberno galego anticipará seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros.

Doutra banda, contémplase a apertura de liñas de crédito de ata 20.000 euros para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros, avaladas pola Xunta. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.
 

Imaxes relacionadas