A Xunta licita por máis de 1,5 M€ as obras de mellora do firme na estrada PO-548 ao seu paso polos concellos de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa

Reforzarase o firme da vía ao longo de algo máis de 17 km no tramo que une a vila de Pontecesures e a glorieta de acceso ao porto de Carril

As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de abril e as obras terán un prazo de execución de seis meses

Acometeranse actuacións que redundarán na mellora das condicións da vía, coa reposición de marcas viarias continuas, descontinuas, símbolos, cebreados e resaltes

Para mellorar a seguridade e reducir a velocidade disporanse distintos tramos con dobre liña e reducirase o ancho dos carrís, habilitando unha zona central
 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por 1.519.581 euros as obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-548, ao seu paso polos concellos de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa.

O obxecto da intervención é o acondicionamento e rehabilitación de firme ao longo de algo máis de 17 km desta vía que una as localidades de Pontecesures e Vilagarcía, de cara a mellorar a seguridade viaria.

Máis en detalle, as actuacións na PO-548 comprenderán o tramo comprendido entre Pontecesures, no punto quilométrico 0, e o punto 17+250, xa na glorieta de acceso ao porto de Carril, en Vilagarcía de Arousa.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica a contratación destas obras ás que as empresas interesadas poderán optar presentando as súas ofertas ata o vindeiro 18 de abril. Os traballos conta cun prazo de execución de seis meses.

As obras consistirán na reparación do firme mediante o fresado e reposición das zonas deterioradas e na aplicación dunha nova capa de rodadura nos tramos nos que non exista, actualmente, mestura bituminosa descontinua.

Como complemento a estas intervencións, o contrato licitado hoxe inclúe distintas actuacións que permitirán mellorar as condicións actuais da estrada, como a reposición de marcas viarias: continuas, descontinuas, símbolos, cebreados e resaltes.

No que se refire ás marcas que delimitan o eixo da calzada proponse, en varios tramos da PO-548, a disposición dunha dobre liña continua. Noutros, nos cales o que se pretende é conseguir unha redución da velocidade, diminuirase o ancho dos carrís, establecendo unha zona central que se cebreará.

Cómpre subliñar que a estrada PO-548 presenta numerosas interseccións con outras estradas, normalmente de menor entidade. Nesas interseccións e co obxectivo de facilitar os movementos de incorporación ou abandono, ou posibilitar cambios de sentido, aplicarase unha capa de rodadura, sobre a cal se disporán as correspondentes marcas viarias.

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.