A área sanitaria de Pontevedra e o Salnés pecha os puntos de vacinación masiva coa administración de 728.743 doses, polo que o 93,73% da poboación xa está protexida fronte á covid-19

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, asistiron ao peche do punto de vacinación na sala de exposicións do edificio administrativo de Campolongo

O representante autonómico agradeceu a responsabilidade e resposta dos cidadáns e o traballo, nos 349 días de funcionamento destes recintos en Pontevedra e Vilagarcía, do persoal de enfermería, transporte, seguridade e Protección Civil

Pontevedra, 21 de marzo de 2022

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de proceder á clausura dos chamados 'vacinódromos” no edificio administrativo da Xunta en Campolongo e no recinto feiral de Fexdega en Vilagarcía cun balance de 728.743 doses inoculadas fronte á covid-19 e un 93,73% da poboación protexida fronte a este virus.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, supervisaron este mediodía o proceso de desmontaxe deste punto de vacinación na capital provincial, emprazado na sala de exposicións do edificio da Xunta, e debullaron os datos dos 447 días de vacinación fronte á covid-19 dende que se comezaron a administrar o 29 de decembro de 2020 e do funcionamento dos puntos de vacinación masiva, nos 349 días que estiveron abertos, dende o 6 de abril do pasado ano.

“Fixemos, entre todos, un gran esforzo para acometer este proceso á maior velocidade e coa maior comodidade e por iso quero agradecer, en primeiro lugar, aos cidadáns pola súa responsabilidade e masiva resposta para protexerse e protexernos a todos, o que permite que agora xa vexamos a luz ao final do túnel, aínda que non podemos confiarnos porque a incidencia segue alta e hai días cos casos activos á alza, pero en todo caso a situación é indubidablemente mellor que hai uns meses polos efectos da vacinación”, explicou Luis López.

O delegado territorial tamén extendeu os parabéns ao persoal de enfermería, de transporte, de seguridade e de Protección Civil “polo seu incrible esforzo, por dar todo o que tiñan con absoluta profesionalidade e eficiencia e por converterse nun orgullo para todos”.

O representante autonómico tamén puxo en valor o traballo de organización realizado pola xerencia, “xa que superou con moi boa nota a vicisitude que tivemos que afrontar en Pontevedra e Vilagarcía co cambio de puntos de vacinación” e agradeceu a ambos concellos a súa colaboración na loxística e, sobre todo, na organización do tráfico e do aparcamento para que o proceso fose o máis cómodo posible para os cidadáns.

A continuación, Luis López detallou que as case 730.000 vacinas administradas en Pontevedra e O Salnés distribuíronse en 271.335 cidadáns que contan coa pauta completa, 211.000 que xa engadiron unha dose de reforzo e 277.376 que contan con alomenos unha vacina. En calquera caso, lembrou que hai unhas 18.000 persoas da área sanitaria que aínda non acudiron a este proceso e fíxolles un chamamento para que se vacinen “cando queiran e, polo ben deles mesmos e de todos, o fagan o antes posible”.

Finalmente, explicou que o proceso de vacinación fronte á covid-19 segue aberto e realizarase, dende agora, no Hospital de Montecelo con ou sen cita previa telefónica, aínda que a Xunta está alerta por se fose necesario abrilos de novo para adminstrar a terceira dose dos nenos de 12 a 18 anos ou para algunha quenda de reforzo para determinados colectivos.

Imaxes relacionadas