A Xunta entrega 7 tendas de campaña de emerxencias a Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia da Coruña

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, fixeron entrega deste material ás agrupacións dos concellos de Ames, Carballo, Carral, Cerceda, Lousame, A Pobra do Caramiñal e Padrón

A Xunta destinou 1 M€ á última orde de axudas de equipamento para os voluntarios de Protección Civil da comunidade, a través da que cedeu 26 tendas de campaña como as entregadas hoxe, 19 vehículos todoterreo tipo pick up, 6 remolques de emerxencias, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve

A Coruña, 21 de marzo de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, fixeron entrega hoxe na Coruña de 7 tendas de campaña para ser despregadas en situacións de emerxencia a Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia.

As agrupacións dos concellos de Ames, Carballo, Carral, Cerceda, Lousame, A Pobra do Caramiñal e Padrón recibiron cadansúa tenda habilitada para o seu fácil transporte, montaxe e desmontaxe.

As 26 tendas destas características entregadas hoxe forman parte da última convocatoria da orde de axudas da Xunta para reforzar o equipamento das AVPC da comunidade. Cun investimento de 1 millón de euros, o Goberno galego tamén dotou a estas agrupacións de 19 vehículos todoterreo tipo pick up, 6 remolques de emerxencias, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve. Destas axudas foron beneficiarias o ano pasado agrupacións e 67 entidades locais, en concreto 66 concellos e 1 mancomunidade.

A Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 21 millóns de euros en material cedido aos servizos de emerxencias dos concellos, entre os 11 millóns destinados ás AVPC e outros 9,3 millóns para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

Ademais, colabora no mantemento destes servizos cunha orde anual de 340.000 euros para os gastos de funcionamento das agrupacións de Protección Civil, que supuxeron máis de 4 millóns investidos nos últimos anos, ademais de asumir a metade do custo anual do funcionamento dos GES.

Santiago Villanueva destacou o importante papel que desempeñan os voluntarios de Protección civil como reforzo aos servizos de emerxencias tanto nas tarefas de prevención como en apoio ás intervencións. Ademais, lembrou o imprescindible traballo realizado durante a pandemia do coronavirus, con máis de 100.000 operativos.

Imaxes relacionadas