O Bono turístico duplica a demanda do ano pasado e supera as 20.000 solicitudes nas primeiras doce horas

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, dixo que o éxito da convocatoria confirma o acerto desta iniciativa, que busca incentivar o turismo interno e desestacionalizar a oferta turística “ofrecendo aos galegos a posibilidade de coñecer Galicia”

O Goberno galego asumirá o 40% do importe das tarxetas, que poderán empregarse ata o 31 de decembro, a excepción dos meses de verán co obxectivo de apoiar ao turismo galego na época de menor demanda

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

O bono turístico #QuedamosEnGalicia22 non só repetiu senón que superou o éxito do ano pasado ao duplicar o número de solicitudes nada máis abrirse a plataforma habilitada para a súa reserva. De feito, se nas primeiras 12 horas da edición do 2021 foron e torno a 10.000 as solicitudes, este ano xa se superaron as 20.000, polo que hai xa unha importante lista de agarda.

O prazo para a presentación de solicitude do bono turístico, unha iniciativa pensada para incentivar o turismo interno e desestacionalizar a oferta turística en Galicia, abriu ás 00.00 horas do día 21 de marzo e rematará o día 2 de maio de 2022. Xa de madrugada o número de peticións era tal que en menos de 12 horas había rexistradas 20.000 peticións, o dobre que na convocatoria do ano pasado.

Ante a previsión dunha alta demanda, foi reforzado o sistema e habilitado un acceso específico e independente na sede electrónica da Xunta unicamente para os demandantes do bono. Aínda así, puido rexistrarse algunha incidencia puntual con colas rexistradas perante o éxito da convocatoria. O propio sistema estableceu unha lista de agarda que permite ao usuario manter a súa quenda e acceder á web algo máis tarde.

O vicepresidente primeiro da Xunta manifestou a súa satisfacción polo éxito desta nova convocatoria “que ofrece aos galegos a posibilidade de coñecer Galicia”. Alfonso Rueda recalcou que a alta acollida do bono é unha proba máis de que “Galicia está de moda” e de que a comunidade galega “é un refuxio en tempos de incertezas”.

O bono turístico consistirá nunha tarxeta prepagamento para a súa utilización nos establecementos e polas empresas adheridas ao programa e que se atopan publicadas na web da Axencia Turismo de Galicia https://www.turismo.gal/QuedamosenGalicia22.

Nesta edición, a Xunta asumirá o 40% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 60% restante segundo o importe escollido. Ao igual que o ano pasado haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -100€ abonados pola Xunta e 150€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -150€ achegados polo Goberno galego e 225€ polos particulares-; e o terceiro de 500 euros -200€ pola Xunta e 300 polos usuarios-. Cómpre lembrar que o ano pasado a tarxeta de maior contía foi a escollida na súa gran maioría polos solicitantes.

A anterior edición do bono foi unha medida pioneira que permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector, sobre todo nos meses de menor actividade e concentrándose o consumo no último trimestre do ano.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias deste Bono Turístico as persoas físicas maiores de idade, que estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia. Cada persoa física unicamente poderá solicitar e ser adxudicataria dun Bono Turístico e non poderán solicitar nin ser beneficiarias desta nova edición do Bono turístico as persoas que xa resultaran beneficiarias o ano pasado.

As persoas interesadas que desexen optar ao Bono Turístico deberán presentar a súa solicitude, obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Imaxes relacionadas