A Xunta da un paso máis na reforma do centro de saúde da Milagrosa

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a encomenda do Sergas á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de reforma deste centro lugués

O presuposto final da reforma, estimase nuns 2,5 millóns de euros, actuando sobre un total de 1.270 metros cadrados

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se dá publicidade á encomenda do Sergas á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa, en Lugo. O seguinte paso será a licitación por parte da AXI do contrato do proxecto arquitectónico. Unha vez rematado e supervisado, poderá licitarse o contrato de obra.
Unha vez finalizada a reforma, o centro de saúde da Milagrosa contará con seis consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería, ademais de dúas consultas de docencia, un despacho de traballo social, dúas salas polivalentes e unha sala de técnicas, outra de urxencias e unha de toma de mostras. Ademais, existirá un área de admisión a zona para o persoal, mellorando os espazos existentes como o de coordinación ou a sala de xuntas, e incorporando outros novos como a sala de estar ou vestiarios. A accesibilidade mellorará non só na entrada para peóns senón tamén cun espazo para entrada de ambulancia baixo teito e un espazo no interior para ter cadeiras de rodas e padiolas a disposición dos pacientes que o necesiten. Por outro lado, dotarase ao centro de aseos públicos adaptados para persoas con mobilidade reducida.
Os Orzamentos Xerais da Xunta de Galicia de 2022 reservaron un total de 500.000 euros dentro da partida de reformas e melloras de centros de saúde para a Milagrosa. Esta cantidade irá destinada á redacción do proxecto arquitectónico e ao inicio da obra. O presuposto final da reforma, estimase nuns 2,5 millóns de euros actuando sobre un total de 1.270 metros cadrados.

Infraestruturas de atención primaria na provincia de Lugo

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 96 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
En particular, na provincia de Lugo, a Xunta de Galicia puxo en marcha desde 2009 novos centros de saúde en Carballedo, Sarria, Monterroso e O Saviñao, ademais de iniciar a construción o novo Centro Integral de Saúde da cidade de Lugo, unha obra de máis de 8.000 metros cadrados, adxudicada por preto 11,5 millóns de euros. En canto á reforma de centros de saúde de titularidade municipal, acometéronse actuacións en colaboración cos concellos en centros como Xermade, Portomarín ou Palas de Rei.
Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria con 51 actuacións e, que no caso da provincia de Lugo, prevé construír seis novos centros de saúde, nos concellos de Antas de Ulla (cuxo proxecto de obra xa está adxudicado), Pantón, Ribadeo, Becerreá, Guntín e Sagrado Corazón (Lugo), ademais de reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros tantos, como os de Foz, A Milagrosa (Lugo), Meira, Outeiro de Rei, Foz, Ribas de Sil ou Praza do Ferrol (Lugo).