A Xunta declara de utilidade pública e de interese social os dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública en Oímbra e Cualedro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os dous acordos da Consellería do Medio Rural polo que se decretan estes polígonos, que afectarán unha superficie de 22 hectáreas en Oímbra e 64 hectáreas en Cualedro

No polígono de Oímbra establécense como actividade principal os cultivos agrícolas de ciclo curto e, como actividade secundaria, a plantación de árbores para obtención de froito e/ou gandería en extensivo

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os dous acordos da Consellería do Medio Rural para declarar de utilidade pública e de interese social dous polígonos agroforestais de iniciativa pública, que estarán situados nos concellos ourensáns de Oímbra e Cualedro. Desta forma, inícianse os traballos para executar os dous primeiros polígonos deste tipo, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Neste senso, cabe sinalar que o pasado 27 de decembro de 2021 saían publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) os procedementos de aprobación para o desenvolvemento destes dous polígonos agroforestais, os cales motivaron a elaboración do estudo de viabilidade en cada un dos casos. Unha vez feitos e aprobados estes estudos, determinouse decretar ambos procedementos para iniciar así a redacción do proxecto básico de cada un dos polígonos. Seguidamente, iniciarase a investigación da titularidade das fincas e os traballos de reestruturación da propiedade en ambas áreas, de seren necesarios.

Cabe sinalar que neste caso, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, ambos procedementos serán sometidos a un proceso de concorrencia competitiva. Ademais, cómpre ter en conta que a declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia de ambos procedementos.

Desta forma, ambos polígonos teñen como obxectivo prioritario poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal.

No caso do polígono agroforestal de Oímbra, contará cunha superficie de case 22 hectáreas repartidas en 70 parcelas de 73 propietarios. Pola súa banda, o polígono agroforestal de Cualedro constará de 64 hectáreas, repartidas nunhas 70 parcelas de 70 propietarios.

Usos e actividades admisibles

Ademais, o estudo de viabilidade aprobado en cada caso determinou os usos e actividades admisibles, así como as boas prácticas agroforestais aplicables. Neste senso, no polígono de Oímbra establécense en toda a súa extensión como actividade principal os cultivos agrícolas de ciclo curto e, na parte sur, gandaría en extensivo. Como actividade secundaria, identificáronse as árbores froiteiras e, tamén na parte sur, a gandaría en extensivo.

No polígono de Cualedro, a actividade principal que se establece é a gandaría en extensivo e cultivos complementarios, contemplando o aproveitamento para gando vacún (para produción de carne), porcino, ovino e cabrún. Calquera das modalidades elixidas deberá ser en extensivo e terán prioridade aquelas explotacións que inclúan unha produción integrada en ecolóxico. Como actividade secundaria, identificáronse outros cultivos agrícolas e de árbores froiteiras, mantendo en calquera caso a vexetación de ribeira existente.

En calquera caso, cabe sinalar que as causas polas que procede desenvolver estes dous polígonos son a existencia dun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, así como o acordo das persoas propietarias dos predios, acadando ata un 70% da superficie das terras incluídas no perímetro proposto. Neste caso concreto, cabe resaltar que en Oímbra asinaron o acordo os propietarios do 86% da superficie para a posta en marcha do polígono e en Cualedro rubricaron os donos do 78% da superficie.

Enlace decreto polígono Cualedro:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220321/AnuncioG0426-110322-0002_gl.html

Enlace decreto polígono Oímbra:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220321/AnuncioG0426-110322-0001_gl.html