O DOG publica o acordo de reestruturación parcelaria da zona de Val de Camba, no concello de Rodeiro

Esta reorganización territorial afecta unha superficie total de 1.854 hectáreas, propiedade de 722 veciños

Contra esta resolución, as persoas interesadas teñen un mes para interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se aproba o acordo da reestruturación parcelaria da zona de Val de Camba, no concello pontevedrés de Rodeiro, que afecta 1.854 hectáreas.

Este paso supón a determinación dos predios de reemprazo cos novos titulares, coa superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra. Así, reorganizáronse un total de 7.529 parcelas en 1.724 predios.

Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, dentro do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación persoal ou publicación substitutiva, é dicir, no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial del Estado.