Así o anunciou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, esta mañá nunha entrevista na Radio Galega

A Xunta inxectará máis de 3,5 M€ para blindar o transporte público de viaxeiros por estrada fronte á suba exponencial do prezo dos carburantes

O Goberno galego adopta medidas inmediatas para garantir a prestación dun servizo público esencial aos usuarios e dar certezas ao sector protexendo o emprego

Ethel Vázquez salienta que o transporte público garante a miles de persoas o acceso á sanidade e á educación públicas e aos centros de traballo, especialmente no rural

Explica que o sector sufre un déficit do 35%, xa que as 127 concesións de transporte interurbano de responsabilidade da Xunta foron contratadas cunhas condicións de prezo do combustible a 1,2 €/litro que hoxe só cubre o 65% do custo

Remarca que o Goberno de España non pode permanecer impasible, deixar que pasen os días e anunciar medidas para dentro de varias semanas mentres o país colapsa polo paro do transporte de mercadorías, un sector “estrutural e esencial”

Urxe a que o Goberno sente a negociar e busque unha saída dialogada a un problema que está a afectar a todos os sectores produtivos, á sanidade, ao benestar animal, e xerando problemas de saúde pública, ambientais e de desabastecemento

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2022

A Xunta realizará unha inxección extraordinaria de algo máis de 3,5 millóns de euros para blindar o transporte público por estrada en Galicia fronte á suba exponencial do prezo dos carburantes.

Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, esta mañá nunha entrevista na Radio Galega, asegurando que a Xunta non está de brazos cruzados e que, alí onde ten marxe legal para actuar, como no caso do transporte público interurbano de viaxeiros, de responsabilidade autonómica, actúa.

Ethel Vázquez remarcou que o Goberno galego adoptará de forma inmediata esta medida para garantir a prestación do servicio público esencial do transporte público aos usuarios e para dar certezas a un sector que emprega a miles de traballadores.

Incidiu en que que o transporte público é a chave que garante a miles de persoas cada día o acceso á sanidade e a educación públicas, así como aos seus centros de traballo, cunha especial incidencia no mundo rural e, polo tanto, a Xunta ten que adoptar medidas para evitar que ese servizo esencial á cidadanía se poña en risco.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que o sector do transporte público de viaxeiros por estrada é un sector dobremente golpeado, ao igual que outros moitos, xa que aínda vén arrastrando as consecuencias da pandemia, ao non recuperar a cifra de usuarios previas á crise da covid-19.

Explicou que as 127 concesións de transporte público interurbano, de responsabilidade da Xunta, foron contratadas nunhas condicións de prezo do combustible de 1,2 €/litro, unha cantidade, dixo, que a día de hoxe apenas abonda para cubrir o 65% do gasto que teñen neste concepto. Isto implica que esas concesións de transporte público rexistran un déficit do 35% como consecuencia da escalada de prezos do combustible.

Ethel Vázquez salientou que a Xunta está a actuar e a poñer os medios para garantir un servizo público esencial para os cidadáns, de aí a decisión de achegar máis de 3,5 M€ ao sector, protexendo a prestación dos servizos e o emprego.

Paro do transporte

A conselleira tamén se referiu ao paro do transporte de mercadorías, criticando a pasividade do Goberno de España e a falta de adopción de medidas inmediatas e urxentes que ofrezan unha solución á situación iniciada o pasado día 14.

Insistiu na necesidade de que o Executivo central actúe para paliar a situación de asfixia que está a padecer o transporte de mercadorías un sector, dixo, esencial e estrutural, como xa demostrou durante a pandemia. O Goberno de España, dixo, non pode permanecer impasible, deixar que pasen os días e anunciar medidas para dentro de varias semanas mentres o país colapsa.

Afirmou que a Xunta está enormemente preocupada pola situación que está a vivir Galicia como consecuencia dese paro, que está a xerar problemas gravísimos en todos os eidos.

Urxiu ao Goberno de España a que sente a negociar coa plataforma convocante do paro para procurar unha saída dialogada a un problema que está a afectar á canle de distribución da sanidade pública, a todos os sectores produtivos, poñendo especialmente en xaque ao sector primario, ao benestar animal e xerando problemas de saúde pública, ambientais e de desabastecemento de produtos básicos para a poboación. Reiterou, neste sentido, a demanda ao Goberno de España para que estableza corredores seguros para garantir a distribución de produtos esenciais.

Imaxes relacionadas